Balea Vermella: "En Twitch estase a crear unha comunidade moi ampla de persoas que crean contido en galego"

Iria Veiga e Javier Balea son os creadores de 'Balea vermella', un espazo semanal, en directo, dedicado ao coñecemento e á divulgación científica na plataforma dixital Twitch. En galego e ao abeiro de Puntogal. 
Iria Veiga e Javier Balea, creadoras de 'Balea Vermella'.
photo_camera Iria Veiga e Javier Balea, creadoras de 'Balea Vermella'.

Quen está detrás de Balea Vermella?

Basicamente, dous amigos aos que lles gusta falar de ciencia. Cada un de nós ten unha formación diferente -Balea é químico e Veiga é psiquiatra- e antes de pór en marcha Balea Vermella cada un manexaba o seu propio proxecto de divulgación. Cando nos coñecemos vimos que tiñamos moito en común, que compartiamos a nosa visión da divulgación e a paixón pola ciencia, así que rapidamente quixemos facer algo xuntos. Ademais, desde setembro contamos coa colaboración económica de PuntoGal que nos axuda a mellorar e a pór en valor o que facemos.

Que hai de cada un neste proxecto de divulgación?

De Iria Veiga hai a preocupación pola saúde mental, un tema pouco difundido e do que case non se fala, que tratamos con moita frecuencia en Balea Vermella. De Javier, o interese pola ciencia básica, outra das grandes esquecidas.

A súa idea orixinal estaba moi afastada de Twitch, pero é aí onde prospera. 

Tiñamos claro que queríamos facer algo en formato audiovisual, así que nun primeiro momento pensamos no vídeo. Cando se empezou a falar máis de Twitch vimos que o formato directo podía dar moito xogo pola maior interacción co público e pola posibilidade de contar con diferentes colaboradoras e entrevistadas. Non fixemos máis que buscar a plataforma máis acaída. Ademais, canles como Ecos de Xigantes, que comezaron un pouco antes ca nós, e a imposibilidade de xuntarnos fisicamente por mor da pandemia acabaron de inclinar a balanza.

Que lles achega esta plataforma como creadoras? 

Achéganos inmediatez, espontaneidade e interacción coas espectadoras en tempo real, cousa que outras plataformas como YouTube non permiten. E púxonos en contacto con toda unha comunidade  orquestrada desde 2020 polo colectivo Twitch en Galego, que  realiza unha petición para que a plataforma engada a etiqueta do galego como lingua para posicionar canles.

O encontro co público semella afortunado...

A interacción coas espectadoras é o mellor de Twitch, porque é moi espontánea. Sempre nos sorprende o nivel e a calidade das preguntas, e tamén o afecto que nos chega. Salvo raras excepcións, sempre son interaccións en positivo, respectuosas e construtivas. O chat tamén permite facer brincadeiras, estabelecer conversas entre espectadoras e recomendar outras fontes e artigos. É moi enriquecedor. Tamén se crean sinerxías con outras creadoras, tanto de divulgación científica como doutros temas totalmente diferentes, como a nosa aparición en Recuncho Gamer ou as raids -incursións- nas que se deriva a conexión a outro espazo cando remata o directo. Estase a crear unha comunidade moi ampla e diversa de persoas que crean contido en galego.

No caso de Balea Vermella, que propostas ofrece nunha hora longa de transmisión?

Un programa tipo de Balea Vermella consiste nunha entrevista a unha persoa significativa da ciencia e da investigación galegas, tanto feita na Galiza como por galegas afincadas no estranxeiro. Sempre tratamos de que a entrevistada teña a máxima liberdade para falar do seu campo de coñecemento e que as preguntas sirvan a ese fin. Mais tamén nos interesan os factores socioeconómicos que condicionan como se realiza a investigación científica: a fenda de xénero, a precariedade ou a falta de financiamento.

Unha vez ao mes temos un directo coa colaboración de Edicións Xerais no que entrevistamos a un autor da colección Básicos Ciencia e o espazo 'cóctel científico', aberto a persoas colaboradoras co seus propios proxectos de divulgación en redes.

Que papel xoga a lingua nesta cita semanal arredor da ciencia na rede?

O papel de comunicación que xogan todas as linguas. Dadas as circunstancias do galego é importante que haxa contidos sobre ciencia en todos os formatos e nós intentamos pór da nosa parte.

Comentarios