Contracultura

Baia Fernández: "Facilitar a lectura fai que as crianzas con dislexia non se desconecten das historias"

Baia Fernández de la Torre é escritora de contos ilustrados, poeta, comunicadora e adestradora emocional. Dentro desa polivalencia, ela mesma se define como "creativa". Agora vén de publicar 'Caracol, cara de col'; un álbum con ilustracións de Tania Solla e concibido para a cativada que padece dislexia e que trata sobre a importancia da autovaloración e da aceptación dunha mesma. Con este traballo, financiado a través do mecenado, Baia Fernández busca promover o galego e lograr que os nenos e nenas con dislexia non se desconecten da lectura.
A escritora Baia Fernández de la Torre co seu último libro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora Baia Fernández de la Torre co seu último libro. (Foto: Nós Diario)

—Un dos temas tratados no libro é a valoración dunha mesma. Pensa que a sociedade fai máis sinxela esa aceptación ou dificúltaa?
O modelo no que vivimos está configurado para que non nos conectemos cos nosos talentos e para que non atopemos o valor en nós. Ao ser así, o que facemos é apoiar a nosa seguridade nun montón de cousas externas que nos venden terceiros. Grazas a iso hai empresas que gañan moitos millóns. Se descubrimos cal é o noso valor e recuperamos o noso poder, consumimos menos e iso ao sistema no que vivimos non lle interesa. É moi necesario cambialo.

Por outro lado, moitas persoas buscan ser e aparentar o que non son. Tentan ser o que ven nos escaparates e en todo o que nos chega no día a día, iso é só outra maneira de dicirnos que o que nós somos non vale e que precisamos ser dunha forma específica para poder ser valorados e valoradas.

—No conto está moi presente a atención á dislexia. Como axuda o deseño do libro á rapazada que padece este trastorno de aprendizaxe?
Axuda, principalemente, pola tipografía que escollemos. A fonte chámase Dyslexie e distínguese moi ben porque son unhas letras moito máis redondiñas que teñen un pouco máis de espaciado entre elas. Unha cousa que nos sucede aos disléxicos é que vemos as palabras como bloques, é dicir, o noso cerebro o que fai é identificar as primeiras letras e as últimas e deduce cal é a palabra que está escrita. Non obstante, con esta tipografía vemos as letras diferenciadas e entón lemos o que pon.

Con esta maneira tan sinxela, facemos que ler non supoña tanto esforzo. Isto fai que a cativada con dislexia non se desconecte das historias. Nas presentacións dos libros sempre conto que comecei a ler poesía de rapaza porque era un anaco pequeno o que tiña que ler. Non eran cen follas. Nese anaquiño eu tiña unha historia enteira. Para min iso era a panacea. 

—Este conto é unha realidade, en gran parte, grazas ao mecenado, como foi a súa experiencia co proceso?
Por mor da pandemia, xunteime con moitas caixas de libros sen vender no meu garaxe e decidín facer o ilóxico. Gastar máis e sacar un novo conto que me axudase a vender o anterior. Entón apareceu a posibilidade do mecenado. Foi algo difícil e traballoso, mais foi boa experiencia. Fun recibindo o ánimo de persoas que non coñecía de nada e que crían no meu traballo. Cando chegamos ao obxectivo, aquilo foi a festa máxima. Non sei cantas vidas me fan falta para agradecer que tanta xente se implicase e apoiase o proxecto. 

—O libro dá a posibilidade de acceder a un audio descargábel. Cales foron os motivos para incluílo?
Hai varios. O primeiro é por unha conta pendente que tiña cunha persoa que era invidente e que sempre me dicía “eu tamén quero coñecer as túas historias”. Outra razón é o colectivo de persoas con dificultades visuais, pois considero que é un conto moi estimulante e me pareceu inxusto que non gozaran dos matices que enriquecen e acompañan a historia. Outro motivo é que o conto está en dúas linguas distintas na versión audio. Esta é unha maneira de achegar a nosa lingua ás persoas que non son galegofalantes, xa que lles facilitamos o audio no seu idioma, mais o libro teñen que lelo en galego si ou si.

—Que tal a resposta da xente agora nestas primeiras presentacións do conto?
Foi unha resposta moi boa, non só pola cantidade de xente, senón pola súa actitude. Prestan moita atención e achéganse a falar conmigo. Ademais, encántame estar coa cativada. É moi gratificante.

Comentarios