Axeitos atribúe a tensión no interior da Academia ao ILG e ao CCG

O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, despáchase hoxe nunha entrevista na Voz en que acusa ao ILG e ao Consello da Cultura de quereren “colonizar” á Academia. As declaracións demostran tensión interna na institución con sede en Tabernas.

Varios son os membros do Instituto da Lingua Galega que teñen presenza na sede da rúa Tabernas. Antón Santamarina, Charo Álvarez ou Fernández Rei son tres das influíntes figuras do Instituto que teñen cadeira na Academia. Tampouco o Consello da Cultura e os seus membros están mal representados en Tabernas. O propio presidente Ramón Villares, Henrique Monteagudo ou o mesmo Vítor Freixanes son asemade membros destacados da institución que preside Ferrín.

As declaracións hoxe do secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, levantan máis o lume e por vez primeira sacan fóra en voz propia unha tensión que se coñecía desde hai tempo e que se ve agravada coas acusacións de nepotismo e de contratación de familiares que pesan sobre a directiva de Ferrín, da que o historiador de Rianxo fai parte.

Axeitos abre a billa a un enfrontamento do que ninguén é quen de calcular as forzas, habida conta de que Consello e ILG estiveron sempre abondosamente representados en Tabernas.

Axeitos xustifica a política de contratación e, ao seu ver, a filla de Ferrín entrou no cadro persoal ao se tratar dunha función moi específica e o seu fillo estaba vencellado á institución antes del entrar.

Comentarios