xoves 02.07.2020

AveLina Pérez e Paula Carballeira gañan os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María

Ambos galardóns entregaranse o domingo 2 de decembro en Pontevedra no Culturgal.

 

AveLina Pérez e Paula Carballeira
AveLina Pérez e Paula Carballeira

Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez foi recoñecido polo xurado por maioría coma a obra gañadora do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, salientando que “explota as posibilidades do xogo escénico cunha concepción aberta do espazo e cunha mirada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción”.

Estes galardóns literarios convócaos a Consellaría de Cultura e Turismo, e na súa modalidade dirixida á literatura dramática infantil, o X Premio Manuel María, distinguiron por unanimidade Somos os monstros, de Paula Carballeira. O xurado destacou a súa “boa carpintaría dramática, que posibilita un xogo escénico moi dinámico no que se pode aproveitar moi ben o espazo e o tempo teatral, moi na liña dos xogos infantís”.

Nesta ocasión, o xurado estivo presidido por Laura Tato e del fan parte, como vogais, Ana Carreira, Cristina Domínguez, Laura Míguez, Cándido Pazó e Roi Vidal Ponte. A decisión deuse a coñecer tras valorar 39 textos presentados ao Álvaro Cunqueiro, 13 ao Manuel María e 23 ao Barriga Verde. Este último foi declarado deserto.

Ambos os dous recoñecementos da Xunta serán entregados o domingo 2 de decembro en Pontevedra na feira das industrias culturais galegas Culturgal. Teñen unha dotación de 6.000 euros para cada premio e categoría, xunto coa posibilidade de que as obras sexan publicadas nas coleccións literarias que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) mantén con varias editoriais galegas.

Nota: fotos tiradas de cultura.gal

comentarios