Así podes solicitar o 'Bono Cultura' de 50 euros

O prazo para solicitar esta axuda comeza o 2 de novembro.
Cartel anunciando o 'bono cultura' nunha libraría de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Cartel anunciando o 'bono cultura' nunha libraría de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
  1. Quen pode solicitalo?
  2. Prazos
  3. Condicións
  4. Produtos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta quinta feira tras a reunión semanal do seu Executivo que regresa unha nova edición do 'Bono Cultura', o programa de descontos de 50% na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, coa previsión de pór en circulación un total de 20.000 bonos.

Segundo explicou ao termo do Consello da Xunta, esta nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por unha parte, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo, así como favorecer o fortalecemento do sector "axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos".

Quen pode solicitalo?

"Se na primeira edición o obxectivo foi a volver reactivar o consumo nos comercios de proximidade tras a pandemia, agora fai falta botar unha man ao sector e aos consumidores nesta nova crise de suba de prezos", trasladou o mandatario, que tamén salientou que este bono é unha medida "para todos os galegos, teñan a idade que teñan", xa que non se fixa unha idade máxima.

Prazos

A nova edición do 'Bono Cultura' botará a andar este mesmo mes coa apertura do período de adhesión das empresas. A continuación, a partir do 2 de novembro, as persoas usuarias poderán solicitar os bonos e beneficiárense dos descontos até o 31 de decembro.

Condicións

A campaña reeditará as condicións do ano pasado con algunhas novidades. Así, inclúense novas cuestións nas bases para a participación das empresas. É o caso das dadas de alta na venda ao por menor de discos, así como o comercio de instrumentos musicais, que poderán participar a condición de que comercialicen algún dos produtos e servizos obxecto da convocatoria.

Tamén se amplía o teito de gasto que cada estabelecemento pode ter no marco desta campaña, até 30.000 euros, fronte aos 20.000 que inicialmente se fixaron na edición anterior. O orzamento total do Bono Cultura 2022 é dun millón de euros, pero o obxectivo é mobilizar dous millóns, dixo Rueda.

Produtos

Así, os bonos terán un valor de 50 euros por persoa para gastar nos distintos estabelecementos que se adhiran e as compras terán un desconto de 50% ata esgotar o crédito. Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían a respecto da edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural —museo, casa-museo, etc.—, salas de cinema, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras actividades.

Comentarios