As orixinalidades de Quico Cadaval

Nove minutos de conversa con Cadaval nun escaparate por un euro. A nova proposta do director, actor, escritor e xenio do espectáculo súmase á recente escrita ao vivo do libro 22 romances incompletos que sairá publicado en breve. Son as orixinalidades de Quico Cadaval.

Quico Cadaval con Vítor Mosqueira
photo_camera Quico Cadaval con Vítor Mosqueira

No escaparate dunha rúa Real da Coruña Quico Cadaval pasou consulta de conversación na tarde do xoves. O seu “Conversatorio” ofrece nove minutos de leria a cambio de un euro. O conto ten reglas máis ningunha estricta. Por exemplo, “o cliente pode confesar, interrogar, divagar, polemizar... sobre calquera ocurrencia ou peripecia”. Mália iso, o Cadaval gárdase en saúde e así as normas contemplan que ”o falador non estará obrigado a dominar o tema proposto, mais conversará igualmente”. Diante do pacto previo, Quico Cadaval promete gardar segredo de confesión. “O falador comprométese a non difundir o que se fale; en cambio, o cliente é libre de revelar o que queira”. Na Coruña, o actor Vítor Mosqueira acompañou ao protagonista e foi o encargado de dar a vez ás persoas que se achegaron con vontade de conversar.
 

Inédito con libro
 

O “Conversartorio” que Cadaval levou o xoves á Coruña afonda na orixinalidade das novas propostas deste home do espectáculo que tanto dirixe unha obra de teatro ou un musical como se fai popular en Portugal como xuri dun concurso televisivo de promesas do espectáculo. O escritor inédito como lle chamaban, entre outros, Manuel Rivas asinou o seu primeiro libro en directo. De Cadaval coñecíanse textos dispersos alén das súas obras de teatro que aventuraban estar diante dunha grande promesa da literatura. En breve, o seu nome porá sinatura a un libro, acontecemento que fará que, finalmente, deixe de ser o escritor inédito da literatura galega. 22 romances incompletos sairá na colección O lapis do taberneiro, serie que promoven desde o Café Bar 13 de Compostela. Foi neste local da rúa Santa Clara no que Cadaval escribiu ao vivo os seus textos o pasado 27 de febreiro nunha xornada literaria que durou quince horas, non só para o público asistente senón nun proceso creativo que se retransmitiu por webcam a través da canle youtube. A escrita do agardado libro de Quico Cadaval convertiuse nun novo espectáculo.

 


 

Comentarios