Os artistas acusan as empresas de IA de non respectar a Lei de Propiedade Intelectual
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de facer público o resultado dunha enquisa, realizada a nivel estatal por varias entidades autorais, na que se desvela que o 96,5% das persoas que se dedican á escritura e á tradución cre que ningún modelo de IA debería adestrarse con obras literarias, científicas ou de tradución sen o consentimento explícito das autoras. A enquisa, ademais, revela que o 49,9% rexeita completamente autorizar este tipo de usos, mentres que un 50,1% estaría disposto a consideralo, mais unicamente a cambio dunha remuneración acaída.
O momento de facer pública esta enquisa non é casual: o Ministerio de Cultura someteu a consulta pública, o pasado mes de novembro, un proxecto de real decreto lei que permitiría que as empresas de IA poidan utilizar obras protexidas por dereitos de autor sen pasar polo trámite de pedir permiso ás persoas creadoras. A cambio, propón un sistema que denomina "licenzas colectivas ampliadas", que propicia este uso universal das obras a cambio de que as empresas paguen unha compensación económica.
A polémica vén servida polo feito de que, mentres diversos colectivos de artistas mostraron nas últimas semanas o seu rexeitamento a este proxecto de real decreto lei, máis dunha trintena de entidades que realizan a xestión colectiva dos dereitos de autor, tanto no Estado como a nivel internacional, defenden a iniciativa como "un paso fundamental para a protección dos dereitos dos creadores na era dixital". Este posicionamento provocou a denuncia dalgunhas persoas creadoras pola falta de consulta aos socios antes de estabelecer unha posición da sociedade que xestiona colectivamente os seus dereitos.
"A fase do saqueo"
O Ministerio apunta como principal obxectivo promover o desenvolvemento da Intelixencia Artificial e facilitar ás empresas tecnolóxicas estatais o acceso a grandes cantidades de datos para "educar" os seus sistemas. Porén, os artistas rexeitan que as súas obras se utilicen sen o seu consentimento directo e, entre outras cuestións, temen non recibir unha compensación xusta.
"Hai varias cuestións previas que hai que tratar: que se solicite autorización das autoras, que se dea unha compensación económica xusta, e que exista transparencia e trazabilidade, é dicir, que se saiba que percorrido ten a obra cuxos dereitos se ceden", declara Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente de AELG. "Pero aínda así, hai outros temas que hai que debater con calma, e o Ministerio está tratando este asunto cunha présa dificilmente xustificábel".
Entre eses outros temas está o que Sánchez Iglesias denomina a fase do saqueo. "A maioría dos modelos de IA que existen foron desenvolvidos con obras obtidas de Internet, ignorando por completo a Lei de Propiedade Intelectual. Habería que retirar unhas aplicacións que son ilegais e compensar economicamente os titulares dos dereitos lexítimos", apunta o presidente da AELG.
"Exclusión voluntaria"
"O que tería que facer o Ministerio é multar estas multinacionais por incumprir a Lei de Propiedade Intelectual", declara a Nós Diario Kiko Da Silva, ilustrador e director do Garaxe Hermético, a Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración. "Está máis que demostrado que esas IA foron deseñadas con obras artísticas empregadas sen permiso dos seus autores. E agora queren obrigarnos a dicirlle á xente que xa nos roubou que non nos roube máis".
Da Silva alude á posibilidade que recolle o proxecto de real decreto de que os titulares de dereitos de propiedade intelectual poidan excluír as súas obras ou prestacións protexidas da licenza colectiva ampliada. Pero para iso, os artistas deben solicitar expresamente a retirada das súas obras do proceso de desenvolvemento da intelixencia artificial xerativa.
"É o mundo ao revés: teño que dirixirme ás empresas para que non empreguen as miñas obras en vez de ser elas as que estean obrigadas a contar co meu permiso para utilizalas. Trátase de algo completamente delirante, especialmente por vir do Ministerio de Cultura, que debería de velar polo cumprimento da lei".
Por iso el, como a maioría de artistas, queren que se rompa con este método de exclusión voluntaria, para substituílo por outro no que incluír o traballo de calquera creador neste proceso sexa unha elección do artista.
Kiko da Silva insiste en que non ten por que regalar o seu traballo "ao Estado español, e moito menos a unhas empresas privadas que non sei o que van facer con el". Pero apunta que o problema non é exclusivamente de perda de dereitos senón tamén laboral: neste momento, explica, xa existe unha redución de demanda de traballo por culpa de empresas e mesmo de administracións públicas que, no ámbito da ilustración, empregan a IA e prescinden dos profesionais. "Basicamente, estanme pedindo que ceda a miña obra para alimentar unha tecnoloxía que me vai deixar sen un traballo que, xa de seu, se desenvolve nunhas condicións bastante precarias".
Soberanía
"Isto nótase no ámbito da ilustración, pero é un fenómeno que só está a comezar e, ao final, vainos afectar a todas", engade Da Silva. "No eido da cultura vivimos basicamente dos dereitos de autor e por iso facemos máis ruído. Pero caerán moitos postos de traballo de contábeis, de administrativos, de xornalistas... Aínda así, o Ministerio está optando por defender os intereses das grandes tecnolóxicas e a vantaxe competitiva das empresas estatais antes que os dereitos dos creadores e das culturas. Porque nun sistema cultural tan debilitado como o galego, isto crea un precedente que pode resultar extremadamente perigoso".
Nese aspecto tamén incide Sánchez Iglesias: "Trátase dunha cuestión de soberanía, de que o noso patrimonio artístico e cultural pode acabar nas mans de grandes multinacionais. E nós, cunha nación sen Estado, cunha lingua minorizada e cun sistema literario sólido pero dependente dunha industria editorial cada vez máis fraxilizada, corremos o risco de pasar á máis absoluta irrelevancia. Probabelmente isto tamén lle pode suceder a todas as nacións con linguas diferentes do inglés, pero son menos conscientes da súa debilidade fronte a estas grandes multinacionais".
O status da obra de arte
O debate sobre a suposta "creación" das IA tamén formula interrogantes sobre o futuro das artes, dado que estas novas tecnoloxías xeran obras que non son senón variacións e combinacións de modelos xa existentes, polo que se fecha a porta á innovación. "A IA non existe sen o emprego de obras anteriores", afirma Kiko da Silva. "A IA remoza o que xa existe, pero iso non é crear, é elaborar un pastiche máis ou menos aparente, de resultados creativos moi pobres".

