Que papel ten a intelixencia artificial no sector cultural galego?

O coñecemento e uso da intelixencia artificial (IA) na cultura galega son moi desiguais segundo os ámbitos profesionais. Así o desvela o documento 'A intelixencia artificial na cultura galega: coñecemento, usos e opinións', producido polo Observatorio da Cultura Galega.
O Observatorio da Cultura Galega presentou o informe no marco dunha xornada sobre a intelixencia artificial no ensino. (Foto: CCG)
photo_camera O Observatorio da Cultura Galega presentou o informe no marco dunha xornada sobre a intelixencia artificial no ensino. (Foto: CCG)

Xa hai anos que o optimismo futurista con quese contemplaban as nova tecnoloxías foi sendo substituído polo medo a un algoritmo que xogaba cos nosos gustos e, especialmente, cos nosos hábitos de consumo. E cando empezabamos a ser conscientes dos riscos para os aspectos produtivos e sociais da súa omnipresenza, chegou outra ameaza que elevaba os medos: a IA xenerativa. O mundo da cultura empezaba a sentir como unha realidade o que até entón pertencía ao campo da ficción distópica: a substitución do ser humano pola máquina.

Para saber canto de realidade hai neses prognósticos apocalípticos, porén, haberá que avaliar antes cal é a penetración real da IA nos procesos creativos e de produción cultural. E iso é precisamente o que trata de dilucidar o informe do Observatorio da Cultura Galega nun documento de traballo que presentou esta terza feira a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, A intelixencia artificial na cultura galega: coñecemento, usos e opinións, no marco da xornada "A intelixencia artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria".

A primeira conclusión é que, se existe esa ameaza, non ten un carácter tan perentorio como se pretende: só un 28,6% das persoas enquisadas afirmaron ter empregado a tecnoloxía da IA no seu traballo, e dentro desta porcentaxe, só un 10% afirma facelo de xeito frecuente.

Porén, a penetración desta tecnoloxía varía moito segundo o sector do que esteamos a falar: nos sectores do audiovisual e das artes visuais é onde máis profesionais empregan estas tecnoloxías, con porcentaxes do 44,3% e do 43,1% respectivamente, mentres que na administración o seu uso é moi reducido (7,8%) así como nos arquivos e bibliotecas (8,8%). Son os profesionais autónomos e as empresas os que máis a empregan (41,2% e 31,5%) e as empresas con maiores ingresos as principais usuarias da IA (27,8%).

Ao mesmo tempo, 44,2% das persoas enquisadas afirmou non tela usado nunca. E se cadra o que máis invita ao optimismo é que o coñecemento das iniciativas lexislativas da Unión Europea para a regulación do sector e na protección dos consumidores en relación coa intelixencia artificial é moi elevado (un 73,3% das persoas enquisadas).

Expectativa e realidade

Unha significativa porcentaxe dos enquisados teñen altas expectativas sobre o uso futuro da IA. Un 42,9% das entidades agardan incorporar a tecnoloxía a algúns dos seus procesos e un 20,6% anticipa un futuro cun uso moi estendido. Tamén aquí hai matices: a visión sobre o emprego futuro da IA é máis optimista nas administracións públicas e nos profesionais autónomos.

Porén, a previsión da implantación de proxectos con IA na actualidade ou a curto prazo é moi baixa. Só un 14,9% das entidades están desenvolvendo proxectos con IA ou están xa preparándoos para a súa implementación. En xeral, paradoxalmente, os responsábeis das entidades pensan que vai haber máis emprego do IA no ámbito da súa actividade que na propia entidade. 

Vantaxes e riscos

Sobre as vantaxes e os riscos que percibe o mundo da cultura, as opinións están divididas: 43,2% das persoas que compoñen a mostra amósase moi ou bastante de acordo coa afirmación de que a IA axudará a configurar unha oferta cultural personalizada ao identificar os gustos de cada usuario, pero a porcentaxe das que discrepan nalgunha medida con esta idea é 5 puntos porcentuais superior (49,6%). 

A porcentaxe que se mostra bastante ou moi de acordo coa idea de que a IA axudará a mellorar a oferta cultural ou a favorecer o coñecemento dos gustos do público acada o 48,6% entre as que responden desde as administracións públicas e o 46,1% desde as empresas, pero non pasa do 31,6% no caso dos autónomos.

IA e democracia

A afirmación de que a IA poderá dar lugar a unha produción cultural que reproduza nesgos e prexuízos, como a discriminación por xénero, racial ou sobre gustos non maioritarios dos consumidores culturais é compartida polo 45,7% da mostra, porcentaxe que supera en 4,6 puntos a das persoas que discrepan (41,1%). Tamén nesta ocasión hai división cun lixeiro predominio das opinións negativas sobre o impacto da IA. Tamén cómpre destacar que a falta de resposta neste caso se eleva ata o 13,3%.

Por tipo de entidade, a afirmación formulada en termos críticos é maioritaria entre os profesionais autónomos (59,5%) e as administracións públicas (46%). Entre empresas e entidades sen ánimo de lucro é maior a porcentaxe de persoas que discrepan coa citada afirmación (43% e 45,8%, respectivamente).

Apenas un terzo da mostra de estudo (32,7%) se amosa bastante ou moi de acordo coa posibilidade de que a IA chegue a facilitar un acceso máis inclusivo e democrático aos contidos culturais, unha idea coa que se atopa en maior ou menor grao de desacordo o 58,2% das persoas enquisadas. É claramente predominante a visión contraria ao impacto positivo da IA na democratización do acceso a cultura.

Consensos en negativo sobre o emprego da IA na cultura

Onde se pode falar de consenso é na afirmación de que a introdución da IA suporá un cambio nas competencias dos profesionais do sector que esixirá formación específica, enunciado co que concordan o 80,7% das persoas entrevistadas e só discrepa o 14,5%. Sobre esta variábel semella que existen poucas dúbidas: só 4,8% escolleu a opción "non sabe ou non contesta". Sobre se comportará unha vantaxe para as linguas minoritarias como o galego a visión é maioritariamente negativa do 55,1%, pero cunha porcentaxe importante que pensa o contrario (36%).

Hai outros aspectos da IA que xeran consensos claramente negativos para a cultura. Un dos temores máis compartidos é que vai ser unha ameaza ao facer posíbel a suplantación de identidades e as hipertrucaxes (deepfakes), unha opinión que comparte o 84,3%. Unha porcentaxe similar (83,7%) cre que suporá un risco para a privacidade e a protección de datos. Por último, un 75,2% pensa que a introdución da IA será un problema para a propiedade intelectual e os dereitos de autor e un 68,8% opina que incrementará a homoxeneidade na produción e a redución da orixinalidade e variedade de contidos e, polo tanto, unha perda da autenticidade e da diversidade.

Comentarios