En conmemoración da saída do prelo de Nós en 1920 e do Día das Letras

Arraianos Producións estrea os documentais arredor da revista 'Nós' e de Carvalho Calero

A TVG emite 100 anos de Nós esta sexta feira, na segunda canle, ás 23 horas, e estréase en Lugo Carvalho Calero sem fronteiras no Pazo de San Marcos, o sábado ás 19 horas. Tamén o sábado, a televisión pública repón, na súa canle principal, 100 anos de Nós, ás 15.15 horas.
FOTOS 04
photo_camera Fotograma do documental '100 anos de Nós'./ Arraianos Producións

 Ás 23 horas da sexta feira, a Televisón da Galiza (TVG) emite, na súa segunda canle, o documental 100 anos de Nós, en conmemoración da saída do prelo do primeiro número da revista Nós, tal día como hoxe de 1920. O mesmo programa reemitirase, en horario de 15.15 horas, o sábado 31 na canle principal. 


Aser Álvarez, de Arraianos Producións, é o responsábel deste traballo que "se enfoca desde a posición contemporánea, no que foi a revista Nós e no que é hoxe, no que significa agora", explica en conversa con Nós Diario


"Tratamos de facer un proxecto no que se puidera conversar coas persoas que mellor soubesen explicar o que foi, a importancia da revista, as diferentes facetas", explica Aser, "porque nos interesaba moito o carácter multidisciplinar do proxecto que é, tamén, o que o fai tan contemporáneo".

Desta maneira, polas imaxes de 100 anos de Nós pasan expertos e expertas como a profesora universitaria Carme F. Pérez-San Julián, a historiadora da Arte Iria Friné, o deseñador Xosé Barro, o arqueólogo Xosé M. Eguileta, o escritor Xosé Luís Axeitos ou o historiador Miguel Anxo Seixas, entre outros. 


O documental inclúe, intercaladas entre as intervencións especializadas, imaxes de diversos detalles de distintos números da revista Nós e lapsos de recreación histórica para os que contaron con Carme Blanco e Xulio Pérez Pereiras.

Carvalho Calero en Lugo
O Pazo de San Marcos acolle o vindeiro sábado, ás 19 horas, o documental Carvalho Calero sem fronteiras, realizado tamén por Arraianos Producións en colaboración coa Deputación de Lugo.

Un traballo que repasa a traxectoria e a obra do homenaxeado no Día das Letras 2020 e que se acompaña dunha publicación homónima que inclúe fotografías e textos do autor.


Polas escenas de Carvalho Calero sem fronteiras, localizadas na Galiza, Portugal e Madrid,  pasan conversas con familiares, amigos, expertos e a lectura de fragmentos da súa obra por parte do alumnado de Compostela (onde se proxectará o domingo no Teatro Principal), Lugo e Ferrol, onde impartiu clases.


A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, quixo explicar sobre este documental que se trata "dunha oportunidade para achegarse á figura do autor  e coñecer a súa produción literaria, a académica e tamén o seu pensamento", e engadiu, "é unha difusión necesaria nun ano como este, no que a Covid-19 condicionou o Día das Letras".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios