Arnaldo Antúnes ofrecerá dous concertos únicos con dous formatos diferentes, na Galiza

O gran clásico da música brasileira actuará en Santiago con banda para lembrar todos os seus grandes éxitos e na Coruña con Víctor Araújo con 'Lágrimas no mar'.

 
Arnaldo Antunes. (Foto: José de Holanda)
Arnaldo Antunes. (Foto: José de Holanda)

Chegan á Galiza dúas oportunidades únicas para escoitar a un dos grandes clásicos da música brasileira. Arnaldo Antúnes visitará Santiago de Compostela e A Coruña como únicas paradas da súa presenza no Estado con dous formatos distintos que permitirán aos públicos comprender as múltiples facetas deste artista brasileiro que protagoniza unha boa parte da historia da música nunha das grandes potencias musicais do mundo.

O primeiro dos concertos, (Sala Capitol, Santiago de Compostela, 19 de outubro) será un caso único na xira do músico. Arnaldo Antúnes coa súa banda percorrerá por primeira vez no Estado toda a súa discografía, o seu itinerario artístico, no que será unha oportunidade única de recuperar unha carreira artística difícil de igualar ou, tamén, a oportunidade para públicos novos de achegarse á larguísima traxectoria do músico.

Ao longo da súa extensa carreira, foi gañador dun Latin Grammy, catro discos de platino e un de diamante, ademais de ser compoñente do supergrupo Tribalistas. Agora presenta os seus grandes éxitos neste formato con banda que realizará un único concerto no Estado na sala Capitol de Santiago de Compostela, no marco do feche do proxecto europeo MATE (Música, Arte, Tecnoloxía e Educación) do que de Santiago de Compostela forma parte xunto á cidade portuguesa de Coimbra e a cidade grega de Tesalónica.

Trece anos despois do seu exitoso paso polo ciclo Sons da Diversidade (2011) Arnaldo Antúnes volve a Santiago de Compostela nun concerto no que presenta un espectáculo cos éxitos da súa vasta carreira, que suma máis de 40 anos.

Poeta, cantante e compositor, naceu en São Paulo en 1960. Formou parte dun dos máis importantes grupos do rock brasileiro da década dos oitenta, Titãs, co que gravou sete álbums, e lanzou a súa carreira en solitario en 1992, gravando outros 18 álbums. Máis tarde uniuse ao grupo Tribalistas xunto a Marisa Monte e Carlinhos Brown. 

Nunca deixou de escribir nin de publicar libros de poemas mentres formaba parte do grupo. Despois de deixar Titãs, seguiu compoñendo para o grupo. Como cantante solista, compositor, poeta e videoartista, iniciou a súa carreira lanzando o disco-libro-vídeo Nome en 1993, ao que seguiron Ninguém (1995), O Silêncio (1996) e Um Som (1998).

Nos últimos anos publicou Lagrimas no mar, xunto ao pianista pernambucano Vitor Araújo, e os álbums O Real Resiste (2020) e RSTUVXZ (2018).

Para celebrar este legado, Arnaldo Antúnes preparou un espectáculo especial coa súa banda, cuxo repertorio inclúe clásicos da súa carreira como “A casa é sua”, “Socorro”,  “Passa em Casa” (Tribalista),  “Pulso” (Titãs),  “Comida” (Titãs).

Con 30 álbums publicados, Arnaldo Antúnes converteuse nunha das voces máis especiais do panorama musical brasileiro actual. Ao longo da súa extensa carreira, foi gañador dun Latin Grammy, catro discos de platino e un de diamante, ademais de ser compoñente do supergrupo Tribalistas. Agora presenta os seus grandes éxitos neste formato con banda que realizará é único concerto en España na sala Capitol de Santiago de Compostela. 

Participou en grupos de música, poesía, vídeos, performances e foi integrante do grupo de rock Titãs, de São Paulo, un dos máis importantes do rock brasileiro na década dos oitenta, de 1982 a 1992.

Lágrimas no mar na Coruña

A segunda cita, (Teatro Rosalía de Castro, A Coruña, 31 de outubro), é un espectáculo que triunfou no Womex celebrado na Coruña en 2023, a partir do disco Lágrimas no mar publicado por Antúnes en 2021. O espectáculo está protagonizado polo propio Arnaldo Antúnes e o pianista Víctor Araújo.

Cun escenario virtual creado pola artista plástica Luisa Conti, Lágrimas no mar combina obras compostas polo dúo e grandes logros das etapas anteriores de Arnaldo Antunes, cun oído contemporáneo. Antunes, sempre desexoso de conectarse con artistas de diferentes xéneros e xeracións, viu en Araújo non só un compañeiro musical, senón alguén con quen compartir o seu universo privado e as súas inquietudes. Araújo encargouse dos arranxos do disco, que segue a máxima de Arnaldo de que “a orixinalidade pasa por non seguir fórmulas estabelecidas”.

Lágrimas no mar é, segundo o autor, “un disco que ten unhas ganas afogadas de chorar”, en formato de voz e piano, Antúnes e Araújo ofrecerán un percorrido que parte da introspección, pero que gaña dimensións de sentimento compartido en contacto co público. Ademais da canción que dá nome ao disco, soarán temas como “Fim de Festa”, “Longe”, “Umbigo” ou “Como 2 e 2” intercalados con poemas cantados ao longo da función.

Comentarios