Entrevista

O Apalpador: "Son embaixador da montaña, dos bosques e da natureza"

Se hai un personaxe que represente o Nadal na Galiza non habería discusión en nomear o Apalpador como o máis representativo. Coñecido tamén como Pandigueiro, na comarca de Trives, ou Apalpabarrigas, na dos Ancares, leva días visitando as nenas e os nenos do país coa intención de saber se tiveron este ano unha boa alimentación e aproveitar para deixarlles os froitos máis prezados dos soutos do Courel: as castañas.
O Apalpador co seu cabaliño Río Lor. (Foto: Eva Cid Rivas)
photo_camera O Apalpador co seu cabaliño Río Lor. (Foto: Eva Cid Rivas)

No mes de Nadal, a figura galega central da festividade é o Apalpador. Xunto coa Apalpadora, o Apalpabarrigas e o Pandigueiro, percorre estes días aldeas, vilas e cidades do país entregando castañas ás crianzas e ás persoas adultas, comprobando se comeron abondo durante o ano que pasou. Nós Diario tivo a posibilidade de falar con Anxo Moure (Chantada, 1963) sobre como pensa este personaxe popular na tradición da Galiza.

—Estes días comeza a viaxar por todo o país, mais que fai o Apalpador os meses anteriores? Como se prepara para o tempo do Nadal?
Son un grande amigo das árbores. Por este motivo un dos grandes agasallos que levo son tocos, aos que me dediquei durante meses. Fixen viveiros con castañas e landras, aínda que tamén sementei acivros e teixos, que baixei comigo. Foi o caso do outro día no municipio de Ames, onde repartín máis de 300 árbores do bosque autóctono galego. A xente pensa que son un carboeiro, outros que son un leñador, mais en realidade son un plantabosques. Planto moitos castiñeiros para que haxa castañas. Coñezo as árbores e procuro divulgalas.

—Cal é a súa relación coas castañas e a razón de escoller ese froito como agasallo estes días tan especiais?
A castaña é un verdadeiro tesouro e non o valoramos como é debido. Antes de existir a pataca, xa sabes que viviamos das castañas, que mesmo se comían cociñadas. O castiñeiro é unha árbore autóctona galega que forma parte da biodiversidade a través dos soutos. Regálanos verbas como ourizo ou a mesma palabra souto. Forma parte da nosa cultura, tamén a través dos contos. Cantos contos se contaron en magostos ou nas cociñas de leña como a que teño eu! A min encántame pousar nela as castañas e sentir o seu cheiro. Ademais, a castaña é o símbolo do alimento. Hoxe, tristemente, a castaña queda tirada no monte e din que leva moito traballo agacharnos para apañalas. Temos que espertar e mudar esta situación. Por iso o Apalpador é importante. Divulgo as montañas e a súa cultura.

—Por desgraza, o ano pasado, os bosques do Courel, e doutras zonas como Valdeorras, foron protagonistas de grandes incendios que estragaron unha parte importante de soutos e carballeiras. Estanse recuperando as árbores para contar con elas no futuro? Como está a situación?
Foi un mal momento que pasamos e tamén que pode volver pasar calquera outro ano se nos despistamos e falta a choiva. É certo que o poder da natureza é absolutamente incríbel e por si mesma rexenérase. Invade, como se fose un exército verde, todas as cinsas do queimado. Pouco a pouco vai creando ecosistemas que xa teñen valor antes de que chegue a árbore mesma. Por ese motivo hai que aprender a ler a paisaxe, ademais de aprender a ler as letras. Neste tema non estou só, vou cos meus compañeiros e compañeiras: o Apalpabarrigas dos Ancares e o Pandigueiro na de Trives. O que facemos é unha escola ambiental itinerante e, ás veces, rodante, como no meu caso, que levo o burro con rodas ao que lle chamo cabaliño Río Lor.

—Que mensaxe transmite nesa escola ambiental itinerante?
Transmito fundamentalmente unha verba: coñecer para defender, coñecer para protexer. Primeiro temos que achegarnos ao bosque, descubrilo e ler nel como nun libro. Aprender a enraizarnos, ser parte do bosque e sentirnos bosque. Mesmo darlle apertas. Eu comecei hai anos promovendo isto. Dígolles ás nenas e aos nenos que como no Courel non hai uvas para despedir o ano, despedímolo dándolle unha aperta a unha árbore. Temos que volver mirar as árbores, os bosques e as montañas. Moitas crianzas non saben nin onde está O Courel nin que é un bidueiro, unha aciñeira ou un teixo. Temos que aprender a coñecer. Dicía Otero Pedraio que as árbores eran “as irmanciñas”. Tamén falaba Avilés de Taramancos de ir “plantar unha cerdeira nova, temos que darlle esa alegría ao vento”. Temos que plantar moito, nas chairas e nos outeiros. Tamén temos que plantar no corazón. Plantarnos para ser bosque e dar aire que respirar.

—Leva moitos anos percorrendo rúas e corredoiras. En todo este tempo terá moitas anécdotas que contar. Podería escoller unha para as lectoras e os lectores de Nós Diario?
Noto sempre moita ilusión. Primeiro debería agradecerlles ás mestras e aos mestres de Educación Infantil, que son as que sempre recuperan a tradición do Apalpador e outras, como a do Samaín. Entre as anécdotas podo contar unha deste mesmo ano, ademais dunha señora maior. Hai que ter en conta que non só chego ás nenas e aos nenos. Contoume que lle dicían “os patrois” que tiña que baleirar a barriga para que chegara o Apalpador e realmente tiñan a barriga baleira xa por vivir unha situación de fame. Cando lle contei a historia do Apalpador confundiume e deume a man como se por fin, despois de moitos anos, puidera coñecer quen lle traía as castañas de nena. É moi necesario traballar con xente maior as figuras máxicas da Galiza como as Xacias ou mesmo o Pandigueiro. Se as coñece tamén será quen de transmitilas ás pequenas e aos pequenos.

—A alimentación é protagonista das visitas do Apalpador. Que opina dos alimentos que se consomen hoxe en día?
Eu sempre digo “apalpabarrigas son/ apalpo a barriga coa miña man/ e traio castañas asadas/ ás nenas e nenos que comen san”. Sempre lles digo que coman moita froita e verdura, moito leite das gandeiras do país e moita alimentación ecolóxica. As nais e os pais, a través do Apalpador, tamén poden chegar a que os seus fillos e fillas medren sans. Sobre todo que se apalpen elas e eles mesmos para comprobalo.

O Apalpador sempre promove a comida, mais tamén que as nenas e os nenos collan mazás das maceiras, cereixas das cerdeiras, noces, castañas... que saiban o grande agasallo que teñen con forma de árbore. O maior galano do mundo, que é o oxíxeno para respirar, procede das árbores. Elas son auténticas fábricas de oxíxeno. Ademais, nun acto de xenerosidade inmensa por non saber nunca quen o respirará.

Outra das ensinanzas que deixo é que antes comíase o exterior da baia do teixo, que din que é mortal no interior. Nos Ancares dicían “ide comer os mocos do teixo”. As árbores son verdadeiros dicionarios de lingua galega, tesouros que debemos conservar. Temos na nosa terra unha riqueza etnográfica, lingüística e ecolóxica que debemos coñecer para poder amar primeiro e despois protexer.

—Que é o que máis lle gusta cando baixa da montaña? E o que menos?
O que máis me gusta é o sorriso das nenas e dos nenos. O que menos me gusta é ver concellos onde xa non quedan crianzas. Seis contei en Vilariño de Conso, catro na casa niño de Manzaneda... Están desaparecendo as nenas e os nenos da montaña. Por iso tamén é importante o Apalpador coa súa función de que non se borre a memoria da xente, que existen crianzas e montañas e non queremos que desaparezan. Hai que espallar a información de que, aínda que son poucos, hai crianzas no Courel, en Navia de Suarna, nas montañas... Teñen as súas olladas que son as que gardo comigo para logo ceibalas cando visito as vilas e as cidades. Se non existen as aldeas, desaparecen as esperanzas dos pobos. E hoxe, tristemente, quedan moi poucos no medio rural.

Eu, nestes anos que levo baixando, vin desaparecer moitas escolas. Donís, Lobeira, Folgoso, Zanfoga,... é moi triste. O Apalpador e a apalpadora -as nais son as que mellor apalpan as barriguiñas- somos embaixadores da montaña, dos bosques e da natureza. Promovemos tamén o decrecemento e que non se malgaste tanto, aínda que nos últimos tempos múdannos por luces led moi modernas.

—Recibirá moitas peticións estes días. Mais, cal sería a que formularía o propio Apalpador?
O meu desexo sería que se aprenda a amar a terra para poder defendela. A través da lingua, dos personaxes, da cultura, dos libros e das viaxes. Tamén a través das bicicletas, das pandeiretas e de todo o que nos poida enlazar, tecer e coser ao amor á terra para poder coidala e defendela. Dixéronme os apalpadores máis vellos que sen bosques e sen árbores non hai futuro.


Recuperando a figura tradicional do Apalpador para o Nadal galego

Anxo Moure lembra ben cando comezou a percorrer vilas e cidades co Apalpador. Foi en 2008, en Doncos (As Nogais, comarca dos Ancares) durante a súa feira anual de outono. Dous anos antes comezara a darse a coñecer a súa figura polo esforzo de recuperación que levou a cabo, nun inicio, a entidade social Gentalha do Pichel desde Compostela. O escenario ancarense non podía ser mellor: o souto onde realizaban a súa Festa da Castaña. Despois virían outras localizacións do país, outros municipios e escenarios. Visitou escolas e entidades culturais pasando pola Pontenova, Salceda de Caselas, O Carballiño, Coles, Santiago de Compostela ou Lugo.

O seu traballo procura divulgar a figura tradicional do Apalpador e os seus valores. Dispón de contos e historias que mesturan realidade e ficción a través de personaxes como a nena Coureliña, o lobo Lor ou o trasno do lixo que procuran salvar o bosque do Apalpador. Moure propón viaxar ao Courel a través dos contos, cun tronco oco dunha maceira que unha Fada das montañas lle agasalla para mirar o mundo a través do corazón das árbores.

Comentarios