Ao redor de Virxilio Viéitez

Unha exposición e un documental en proceso dan testemuña da obra do fotógrafo de Soutelo de Montes que fixo arte do seu oficio. Virxilio. Formas de orbitar ao redor de Virxilio Viéitez, unha iniciativa da produtora Nós Televisión, é dirixido por Diego Frey.

444
photo_camera Instantánea de Virxilio Viéitez recollida na exposición itinerante da Fundación Telefónica.

Hoxe en día, un fotógrafo acostuma gañar o pan grazas á tríade de vodas, bautizos e comuñóns. Na década dos setenta, Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes, 1930 - 2018) cubría todas esas celebracións na súa bisbarra, alén de velorios e retratos para trámites burocráticos. No labor deste fotógrafo que aprendeu o oficio en Catalunya filtran imaxes da vida cotiá onde a figura humana –galega e rural– domina o centro da imaxe, espida e sen filigranas, destacada entre a paisaxe.

No ano 2014, a Fundación Telefónica tomaba o arquivo do pontevedrés para artellar unha exposición itinerante das súas creacións. Sen pretensións, o fotógrafo deu luz a unha obra artística cuxa estética xira arredor da vida humana, das tardes de domingo, das festas da parroquia, das mañás lentas de inverno. Numerosas instantáneas en branco e negro que suspenden no tempo un momento de silencio. A mostra pechou en xaneiro de 2016 no Museo de Pontevedra, ocasión que Diego Frey aproveitou para iniciar a gravación do seu documental Virxilio. Formas de orbitar ao redor de Virxilio Viéitez, unha iniciativa da produtora Nós Televisión.

 "Hai un xogo interesante entre dúas xeracións porque demostra que a obra de Virxilio está viva. Non son fotos vellas, é algo que inspira moitos artistas novos, ten un valor"

“Alí atopámonos con Kiko da Silva e os rapaces da escola O Garaxe Hermético, que estaban a ver a exposición", conta o director. O alumnado do centro de formación en banda deseñada converteuse, de xeito fortuito, na columna que vertebraba a historia. "Hai un xogo interesante entre dúas xeracións porque demostra que a obra de Virxilio está viva. Non son fotos vellas, é algo que inspira moitos artistas novos, ten un valor", afirma Frey, cuxa peza documental foca a atención en Pablo Prado, un dos alumnos que estrutura as súas historietas arredor das fotografías de Virxilio e da súa filla, Keta Viéitez, principal responsábel da difusión das súas fotografías.

"Se eu non existo non sabemos se o material do meu pai  sería descuberto, porque ademais o arquivo non só depende do que ten dentro, senón tamén de quen o mira e do tratamento posterior", explica Keta Viéitez, que leva desde 1986 a traballar coas instantáneas do seu proxenitor. "Levo case tantos anos a traballar na obra del como anos pasou el a traballar de fotógrafo", brinca. A resignificación do traballo de Viéitez pasa moitas veces por cuestionar a dimensión artística ou sociológica do mesmo, unha discusión perenne nos ámbitos académicos.

"O máis importante é que o meu pai era un bo fotógrafo, esixente e recoñecido polos seus clientes", apunta Keta Viéitez. A descendente valora que o esencial é "que el non sabía o que ía pasar, o que fixen eu e os que me axudaron provocou que a obra transcendera a finalidade orixinal até chegar a ser unha referencia, porque moita xente achégase a Galiza a través dos seus ollos", sinala. 

"O máis importante é que o meu pai era un bo fotógrafo, esixente e recoñecido polos seus clientes"

As fotos de Viéitez viaxaron desde Soutelo de Montes até Vigo, e desde alí até Francia. "O documental tamén recolle o esforzo por sacar á luz a obra de Virxilio, e as viaxes polo mundo de Keta para mostrar a súa obra, como no festival Image Singulières, na cidade francesa de Séte", engade Frey. Como culme deste proceso, as rúas do bairro de Arriba de Soutelo de Montes acolleron esta terza feira as instantáneas que foron tiradas neses mesmos lugares cincuenta anos antes.

A exposición, e a reacción do público da aldea será gravada e marcará o final do documental, para o que aínda non existe unha data de estrea. "Somos unha equipa de seis persoas e non contamos con apoios, unha vez acabemos a gravación quédanos a edición, post produción, a música... É un camiño longo", puntualiza o director.

Comentarios