Antón Lopo e Manuel Veiga, gañadores dos Premios da Crítica en poesía e narrativa

A poesía de Lopo 'Diarios / 1. Azul Monforte' e a novela de Veiga 'Perder as bestas' son as elixidas pola crítica en lingua galega.
Antón Lopo e Manuel Veiga.
photo_camera Antón Lopo e Manuel Veiga.

O Premio da Crítica en Lingua Galega, galardón que cada ano concede a Asociación Española de Críticos Literarios, recae este ano no escritor, xornalista e colaborador de Nós Diario Manuel Veiga Taboada no apartado de narrativa, pola novela Perder as bestas (Xerais, 2023), e no tamén xornalista e escritor Antón Lopo na categoría de poesía, pola obra Diarios / 1. Azul Monforte (Espiral Maior, 2023).

Narrativa

Nunha nota de prensa, da obra de Veiga destaca o xurado que "nunha comarca fronteiriza, a novela descóbrenos un dos episodios máis silenciados da historia da posguerra na Galiza, a actuación das 'contrapartidas', grupos paramilitares promovidos polo Goberno que pretendían sementar o terror entre a poboación para desprestixiar a guerrilla e rematar con ela".

Nun escenario "dominado pola natureza e pola violencia sen paliativos", salientan que Veiga emprega un "estilo minimalista, de altísima eficacia grazas a un poderoso traballo de selección léxica", para achegarnos a un grupo de seres anónimos, cunha vidas que aparecen "condicionadas polo medo, a precariedade e a obrigada (e perturbadora) convivencia con individuos que ostentan o poder malia a ser refugallo humano". Deste modo, din, a novela representa unha nova visión da posguerra e da historia da guerrilla (os fuxidos), "pero tamén das formas posíbeis de identificación entre os seres humanos e a terra".

Manuel Veiga Taboada (Monforte de Lemos, 1960) é xornalista, escritor e sociólogo. Entre 2007 e 2010 dirixiu o semanario A Nosa Terra, aínda que xa participaba no consello de redacción desde 1983. Como novelista, obtivo o Premio Xerais en 2004 por O exiliado e a primavera e o García Barros en 2006 por Lois e Helena buscándose un día de tormenta.

Poesía

Por outra parte, sobre o galardón concedido a Lopo, precisan que "a través da estrutura do diario que, en ocasións, dialoga coas memorias doutras autorías como Jordi Esteva ou Rafael Chirbes, reflíctese a morte da nai e, por extensión, todas as mortes". "A experiencia estimula a reflexión sobre a evolución dos coidados e o lastre que supón a convivencia, sobre todo na mocidade. A fuxida é unha obriga que se materializa nas viaxes e se razoa na madurez, cando a conversa e a escritura se encamiñan cara á reconciliación", enxalzan.

"O esforzo por comprender as lembranzas que abrollan cando finaliza a vida da nai vértese desde a progresión propia da narrativa e o lirismo das imaxes. Impacta a sinceridade do eu lírico, a procura de varios estratos de lectura a través da experimentación discursiva e os finais escintilantes, próximos á revelación", engaden.

Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) é xornalista, escritor e performer, e na actualidade dirixe a editorial Chan da Pólvora. Como autor publicou narrativa, ensaio, teatro, tradución e poesía, o que lle valeu facerse con numerosos certames. Entre os últimos destacan o Premio Narrativa Breve Repsol por Extraordinario, sobre o que tamén recaería o Premio da Crítica española en 2018, ou o Premio Fiz Vergara Vilariño pola mesma obra que agora obtén o Premio da Crítica, Diarios / 1. Azul Monforte.

Comentarios