Contracultura

Antón Lopo: "'O atrevemento na voz dos versos' xunta catro poetas que traballan cunha perspectiva oral"

Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), coordina o recital O atrevemento na voz dos versos, que decorre hoxe no marco do VI Festival Rosalía en Santiago de Compostela, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello da capital. Este evento conta coas voces de Nuria Vil, Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño e Lúa Mosquetera.
O escritor Antón Lopo é un dos fundadores da editorial Chan da Pólvora (Foto: Esteban de la Iglesia).
photo_camera O escritor Antón Lopo é un dos fundadores da editorial Chan da Pólvora (Foto: Esteban de la Iglesia).

—Cal foi o obxectivo á hora de organizar este recital?
Desde a organización pedíronnos a Chan da Pólvora que levaramos a cabo un recital para esta sexta edición do Festival Rosalía. Como di o título deste acto, O atrevemento na voz dos versos, o obxectivo era ofrecer o traballo de catro poetas que estivesen traballando con esta disciplina desde unha perspectiva fortemente oral. Nun principio ía estar no recital Samuel Merino, como se anunciara, mais por motivos persoais finalmente non pode acudir e tivemos a sorte de que Sol Mariño estivese dispoñíbel e disposta a vir, algo polo que estou tremendamente agradecido. 

Todas as poetas que formaron parte deste recital teñen os seus libros publicados, mais poderiamos dicir que Rosalía Fernández é a máis literaria e aínda así en moitas das súas propostas ten un gran peso a oralidade, a expresión do corpo como un vehículo máis. Os poemas e os versos de Rosalía de Castro son o punto que vai unindo as diferentes poetas, que xa de por si teñen o nexo en común da oralidade e dunha liña poética moi singular. Estes versos son un vehículo que aflora, que se vai mostrando a través destas catro poetas e que, ao mesmo tempo, se vai actualizando. A voz de Rosalía de Castro sempre é moderna. E elas, pola súa parte, van enredando a súa proposta na propia poesía da autora e dialogando con ela. 

—Como se escolleron os textos que se traballaron durante o evento?
Despois de falar con elas e que aceptaran a encarga, cada unha delas fixo unha selección dos versos e poemas cos que querían abrir a súa propia intervención. Ademais, esta non é unha intervención ao uso, en bloques, senón que é máis ondulante en tanto que cada unha delas lía un poema de maneira intercalada e aleatoria, sen quendas estabelecidas. No que respecta ao título do evento quixemos xogar co lema do propio festival, Un atrevemento bárbaro, que é unha frase que utilizou Rosalía nun dos prólogos das súas obras.

A segunda parte do título, na voz dos versos, porque son poetas moi orais: a voz ten un peso moi forte na súa presenza escénica e dentro da poesía galega. Tampouco falamos dunha narrativa oral, senón que o que elas propoñen é unha oralidade poética. 

Queríamos ligar o recital dentro do festival e ao mesmo tempo facer fincapé na súa oralidade e na poesía. Ademais de todo, calquera delas son poetas moi atrevidas, tanto polas súas propostas como polas súas formas de levalas ao público.  

—Como inflúe o feito de que sexa un recital a pé de rúa?
Depende moito de como estea o día e doutras actividades que se fagan. En calquera caso, este recital en concreto, ao estar enmarcado no Festival Rosalía e nunha celebración conxunta, xa se veu nos últimos anos como ía gañando máis peso. O programa é realmente suxerente, e ademais gratuíto, de maneira que hai máis público potencial por todo o que pode atraer. Eu non adoito ter expectativas sobre se vai vir moita xente ou pouca, mais si creo que tanto o festival en si mesmo como o propio recital en concreto son propostas atractivas. 

No que respecta ao recital, reúne voces pouco habituais noutros eventos similares ao uso, polo que isto tamén o tivemos en conta á hora de valorar e que fose unha chamada de atención.

Comentarios