Contracultura

Antón Cortizas: "A soidade tamén se pode percibir nunha persoa sociábel que non se sinta acompañada"

O caderno de verán Máis que acompaña Nós Diario achega ás lectoras e lectores desde hoxe ao sábado o relato De quen ti ben sabes, que escribiu Antón Cortizas para este xornal. O autor ofrece un relato conmovedor que denuncia un dos problemas sociais máis preocupantes na actualidade: a soidade non desexada. A historia permite comprender a realidade de moitas persoas e a importancia de algo tan sinxelo como unha pequena conversa.
Antón Cortizas
photo_camera O escritor Antón Cortizas afonda no relato que desde hoxe ao sábado poderase ler no caderno 'Máis'.

—A soidade non desexada  vémola no protagonista do relato, que pasa os días sen socializar. Que medidas se poden tomar ante esta situación que sofren diariamente tantas persoas?
É unha pregunta que pode ter centos de respostas. De quen ti ben sabes foi escrito como unha situación que moitas persoas padecen e que vemos a miúdo cando andamos pola rúa. Hai moitas solucións, desde a axuda externa doutras persoas que contribúen a que soidade non te venza, até a propia decisión persoal de non deixarse vencer pola soidade.

Desde o punto de vista público e colectivo, cómpre evidentemente satisfacer tamén a través de organismos e asociacións a necesidade que temos de relacionarmos uns cos outros e pasar o tempo en colectividade porque somos animais colectivos.

—Inspirouse nalgún caso que coñeza para elaborar a historia que artella o relato?
Non. O sentimento de soidade podemos telo calquera persoa moitas veces. Sentímonos sós a miúdo. Isto non é porque non teñamos ao noso redor xente que queiramos e que nos queira, senón que ás veces a soidade tamén se pode percibir nunha persoa sociábel que non se sinta acompañada. En moitas ocasións vemos que hai xente que está en momentos difíciles incluso dentro do seu ámbito familiar.

Para min é unha xeneralidade, para construír a historia tomei como referencia impresións que podo ter cando vou paseando só por onde sexa. Moitas veces tampouco tes a persoa adecuada para que te acompañe a todas partes en todo momento.

—Na primeira parte do relato, o narrador omnisciente fai fincapé na resignación do protagonista a vivir unha vida apática. É inevitábel que, máis tarde ou máis cedo, a monotonía conquiste a vida de calquera de nós?
A monotonía moitas veces é unha das causas do illamento. Canto máis diversos e máis cousas fagamos, moitísimo mellor. Menos o sofá, calquera cousa. Hai que intentar ser activo aínda que non sempre podes selo. O mellor é camiñar, incluso até podes atopar un carballo e sentar á súa beira. Mais se tes dificultades ademais de físicas tamén mentais para buscar compañía resulta moito máis complicado, claro.

—O protagonista do relato rememora a súa nenez, recorda as noites no campeiro da súa avoa, o xogo da buxaina, o reflexo da lúa na fonte da cariátide... Por que esa viaxe á infancia?
É posíbel que si, que sexa unha especie de consolo. Eu xa estou nunha idade na que comezo a recordar sempre a infancia e esa frase de ‘calquera tempo pasado foi mellor’, que non é verdade, pero si que tendemos a lembrar os tempos pasados porque seguramente quedasen gravados na nosa memoria. 

Non digo que fosen máis felices, pero xa sabemos que a nosa memoria omite os momentos menos agradábeis de lembrar para poder sobrevivir e ser máis felices.
A infancia é unha etapa especial. Dediquei toda a miña vida a rememorala. Si que é verdade que moitas persoas retroceden a ese período da súa vida no que aínda están aprendendo a existir e sobre todo a vivir.

—En que proxectos está traballando actualmente?
Estou con varias cousas. Hai proxectos que consisten en mellorar traballos anteriores e facer algún novo, e logo o día a día de actividades de divulgación e de palestras que me manteñen un pouco esperto. Traballo, entre outras cousas, na materia do xogo tradicional.

Comentarios