Andrea Barreira Freije gaña o certame de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade Agustín Fernández Paz

O dítame valorou na novela o novidoso enfoque sobre o idadismo (discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores).
A autora Andrea Barreira Freije (Foto: AELG).
photo_camera A autora Andrea Barreira Freije (Foto: AELG).

O Xurado do VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba (comarca da Terra Chá) e Edicións Xerais, e formado por Don Manuel Bragado Rodríguez, Dona Beatriz Maceda Abeleira e Don Pablo Nogueira Campo. O Xurado acordou, por unanimidade, outorgar o premio á obra titulada Quen precisa unha avoa?, da autora Andrea Barreira Freije.

O dítame valorou na novela o novidoso enfoque sobre o idadismo (discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores), a toma de consciencia sobre as necesidades das avoas por parte das crianzas, así como a importancia da observación e os coidados nas residencias de maiores.

A conciliación familiar, o tecido da rede de afectos e a sororidade entre todos os personaxes son outros temas desta novela na que a autora a través do humor transmite dun xeito maxistral a complicidade entre diferentes xeracións.

Andrea Barreira Freije (A Fonsagrada, 1986), é unha escritora galega. Graduada en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), así como nun mestrado en Comunicación Científica, Tecnolóxica e Medio-ambiental pola Universidade Carlos III de Madrid e outro en Estudos Internacionais pola pola USC.

A autora imparte obradoiros de escritura para adolescentes e adultos. Foi xestora cultural, tradutora, locutora, dependenta e pedagoga. Ademais, forma parte da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, que visibiliza o traballo das escritoras.

Por outra parte, publicou o conto infantil de Nadal, Que pode saír mal? para as actividades Pontexogos (Pontevedra) do Nadal de 2016, ilustrado por Ana Seoane. Por outra parte, é autora da novela xuvenil fantástica Non hai luz sen escuridade (2015), publicada por Urco Editora; de Palabra de bruxa (2018), editada por Galaxia, e de Desmontando o corpo, construíndo a ciencia. As xemelgas Fernández de la Vega (2021), editada por Baía.

Comentarios