mércores 20/10/21

Rentrée literaria: 10 libros coa última literatura infantil e xuvenil

Co gallo do inicio do curso escolar, achegamos algúns dos títulos de literatura infantil e xuvenil en galego tirados do prelo neste mes de setembro, que inclúen a última novela de Francisco Castro, o Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade de Iria Misa ou o regreso de Mortiña, de Barbara Cantini.
Un escaparate con novidades editoriais dentro da Semana do Libro de Compostela (Selic) (Foto: Selic).
Un escaparate con novidades editoriais dentro da Semana do Libro de Compostela (Selic) (Foto: Selic).

Setembro e libros é sinónimo de rentrée literaria. Agora que as aulas se encheron de bulicio, as editoriais, conscientes de que para moitas o ano comeza a canda o curso escolar, tiran do prelo algunhas das súas novidades literarias máis agardadas. A continuación, ofrecemos unha selección de dez libros, co ollar posto na ámbito da literatura infantil e xuvenil, que acaban de chegar ás librarías, coincidindo ademais coa Semana do Libro de Compostela (Selic) como pano de fondo. 

Desde Xerais lanzan, na súa colección Merlín, As músicas viaxeiras, de Ramón Caride e Dani Padrón, mais A cidade do átomo, de Iria Misa e Sonia García, galardoada co IV Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2021.

As músicas viaxeiras lévanos a tempos remotos, nos que “as princesas vivían fechadas en torres mentres agardaban a chegada de príncipes con sangue azul”, explican desde a editorial. Mais esta obra narra unha historia diferente, “que fala de princesas rebeldes e de músicas ventureiras, que nos lembra que non todos os contos son exactamente” como contaban. 

Ao outro lado do tempo atópase A cidade do átomo, que transporta o público lector até a explosión do reactor dunha planta nuclear de Chernóbil. Nese contexto sitúase Prípiat, unha cidade en ruínas que os e as pequenas, "ante a ausencia de adultos, se afanan por manter en funcionamento”. Todos agás Lena Petrov, a protagonista, "diferente e solitaria, que non é quen de atopar o seu lugar entre as rúas e edificios baleiros”, adiantan. 

Da intriga ao amor

Mais tamén a colección Fóra de Xogo acolle novidades en Xerais. É o caso de Cando sangren os lobos, do escritor Adrián Gómez Ramos. Galardoada co I Premio Xuventude Crea de Novela Curta, a obra propón unha historia de intriga: un “asasino solto polas rúas de Compostela”, onde “só dous irmáns distanciados tras a morte dos seus pais coñecen os segredos necesarios para detelo”. Nesa procura da verdade “Fernán e Xandre Malvís”, os protagonistas, “terán que superar as barreiras autoimpostas entre eles e aprender a confiar o un no outro”. Unha obra na que atoparemos case de todo: asasinatos, lobishomes, meigas e segredos de antigas familias.

Pola súa banda, Galaxia, na colección Costa Oeste, acolle o novo libro de Francisco Castro, O cemiterio de barcos. Trátase dunha novela de aventuras e misterio que “atrapará as lectoras e lectores de todas as idades”. O amor, a amizade e a conciencia política serán os ingredientes deste romance de verán que deriva na descuberta dun segredo soterrado. “Corrupción, ameazas, violencia machista e a valentía duns personaxes que farán o que sexa para chegar até o final desta historia”, adiantan en Galaxia. “Un libro que aposta pola busca da verdade nas nosas vidas”.

Mundo cartoné 

Após Os ratos da casa e Ratos de viaxe, as novas aventuras destes simpáticos roedores transcorren na escola, onde se divirten, aprenden e fan algunhas falcatruadas. E é que Kalandraka volve contar as peripecias destes bichos en Ratos na escola, da man de Xosé Manuel González ‘Oli’ e Natalia Colombo. Na mesma liña que as anteriores entregas, recomendadas para crianzas a partir de tres anos, neste cartoné botan man de texto rimado e palabras encadeadas para coñecer o recinto escolar, as aulas e os materiais con ilustracións alegres e coloridas.

Ao seu carón atópase Facer dedo, de Guilherme Karsten, nunha tradución para o galego de Xosé Ballesteros. Este volume defínese como “divertido conto rimado e acumulativo que discorre sobre rodas”. Mais tamén sobre rodas vai o Chofer de sandías, de Antonio Rubio, con ilustración de Emilio Urberuaga e así mesmo coa tradución de Ballesteros.

Nesta obra que propón Kalandraka soñan cun lugar “onde a contaminación e as présas dan paso á natureza e á ledicia”. “Todo é posíbel”, din, “coa mirada fresca, espontánea e creativa da infancia”.

De Mortiña a Nube Branca

As agardadas aventuras de Mortiña, da escritora Barbara Cantini, regresan máis unha vez ao galego da man de Hércules. E é que esta curiosa vampira volve cun novo capítulo en Mortiña e as vacacións no lago Misterio, onde deberá enfrontarse a un gris funcionario que pretende poxar a súa mansión. Verquida ao galego por Rosa Marta Gómez Pato e Manuel González González, a serie Mortiña é unha aposta firme que continúa a dar bos froitos.

Nube Branca no camiño, de Pablo Nogueira Campo e Manuel Uhía nas ilustracións, é unha das novidades que ofrece Baía Edicións. Unha andaina "por vieiros cheos de diversidade á que se unen a invidente toupiña Carmiña e o elefante Cacharrante". Xuntos vivirán "aventuras e descubrirán recunchos feiticeiros" até chegar á cidade de Compostela. Da mesma casa é O arrecife de coral, de Radka Píro, verquido para o galego por María Reimóndez, unha peza diferente, do máis vistosa, que ensinará peixes de cores, diminutos cabaliños de mar e até polbos arteiros.

comentarios