O Raíña Lupa homenaxea o seu primeiro gañador, o escritor Agustín Fernández Paz

A Deputación da Coruña organiza un acto para pór en valor a obra e traxectoria do autor, que levou a primeira edición do certame coa obra Cos pés no aire. A actividade terá lugar o 16 de decembro na sede da entidade e contará coa participación de Fina Casalderrey, Manuel Bragado, Paco Martín, Rosa Aneiros e Isabel Soto.

Ilustración de Agustín Fernández Paz, homenaxeado pola Deputación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ilustración de Agustín Fernández Paz, homenaxeado pola Deputación. (Foto: Miguelanxo Prado)

Co gallo da XV edición do Premio Raíña Lupa, a Deputación da Coruña lembra a figura do escritor Agustín Fernández Paz, recoñecido autor da Galiza que fixo a estrea do palmarés do certame co libro Cos pés no aire.

Fernández Paz concorreu en 1998 á primeira edición deste premio de literatura infantil e xuvenil e resultou gañador. Por iso, cando se fan 15 anos de historia do Raíña Lupa, a área de Cultura da institución provincial organízalle unha homenaxe que decorrerá o próximo 16 de decembro ás 19 horas na sala Juanjo Gallo da sede desta administración.

"Se ben é certo que non se pode falar de Agustín Fernández Paz sen facer mención á súa longa nómina de premios e ao importantísimo número de lectores e lectoras que achegou ao seu universo creativo, o que realmente queremos pór en valor nesta modesta homenaxe é a súa capacidade para facer soñar a xeracións de rapaces e rapazas galegas", explicou este sábado o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O representante engadiu que, ademais, "é posíbel que entre estes rapaces e rapazas que medraron da man da súa obra se conten algunhas das escritoras e escritores que xa forman parte da listaxe de gañadoras e gañadores” do premio.

O acto será aberto ao público e contará coa participación de varios representantes da literatura galega que mantiveron unha estreita relación quer co creador, quer coa súa obra. Así, estarán presentes a escritora e académica Fina Casalderrey, o editor Manuel Bragado ou o escritor Paco Martín.

Tamén están previstas as intervencións da autora Rosa Aneiros e a tradutora Isabel Soto.

A cita contará tamén con música da man de Su Garrido e mesmo decorrerá a presentación dun caderno-homenaxe con relatos breves dalgunhas das gañadoras do Raíña Lupa, que foi escrito baixo a dirección da comisaria do premio, Helena Torres.

As persoas que acudan ao acto levarán como agasallo tanto os relatos como un marcador para a lectura coa imaxe de Fernández Paz deseñado polo ilustrador Miguelanxo Prado.

Comentarios