'Amal en ruta' leva até Carballo unha mostra do cine palestino actual

O ciclo resume os traballos que estiveron en Compostela en 2021 
Fotograma do filme "Gods of Molenbeek" (Foto: Amal en ruta).
photo_camera Fotograma do filme "Gods of Molenbeek" (Foto: Amal en ruta).

O ciclo de cinema euroárabe 'Amal en ruta Carballo 2022' inaugúrase este 3 de febreiro na Biblioteca Rego da Balsa da vila bergantiñá. A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e o Concello manteñen esta cita cultural desde que se iniciou  nesa vila en 2018 como unha versión resumida da última edición da Semana de Cinema  Euroárabe Amal, neste caso a que tivo lugar en outubro de 2021 en Compostela.

Nesta iniciativa proxectaranse tres ficcións e dous documentais que se ofrecerán na biblioteca e tamén no Pazo da Cultura. Todas as proxeccións realizaranse sempre nas quintas feiras e a entrada é de balde até completar a ocupación dos espazos.

Palestina como protagonista

Abrirá a cita o documental Gods  of  Molenbeek da directora finlandesa Reetta Huhtanen (Biblioteca Rego da Balsa, 20.30 horas), unha cinta que fala, a través da mirada duns nenos, do distrito Molenbeek de Bruxelas, coñecido por ser un dos epicentros do yihadismo europeo. 

Das catro seguintes películas que pasarán por este ciclo de cine, tres teñen como protagonista a Palestina. A primeira que visitará Carballo será 200 metros, longametraxe de ficción de Ameen Nayfeh que poderá verse o 4 de febreiro (Pazo da Cultura, 20.30 horas). A cinta narra a historia dunha familia separada por esa distancia a través dun dos muros instalados por Israel. 

Despois, o 10 de febreiro, poderase ver o traballo Os informes sobre Sara e Saleem, de Muayad Alayan (Pazo da Cultura, 20.30 horas). Este drama, basado en feitos reais, lévanos ao Xerusalem actual onde unha muller israelí casada, Sarah, mantén unha relación cun palestino tamén casado, Saleem, e as dificultades do seu amor cando interveñen as forzas de seguridade israelís. 

O 17 de febreiro estará no ciclo o filme O retorno: A vida despois do ISIS da directora catalá Alba Sotorra (Biblioteca Rego da Balsa, 20.30 horas). Este documental narra a historia dun grupo de mulleres occidentais que dedicaron a súa xuventude ao ISIS e que agora queren reconstruír as súas vidas en casa. 

Esta edición do 'Amal en Ruta Carballo 2022' fechará o día 18 de febreiro coa proxección da longametraxe de ficción Gaza mon amour dos realizadores Tarzan Nasser e Arab Nasser (Pazo da Cultura, 20.30 horas). O filme relata a historia de Issa, un mariñeiro de sesenta anos, namorado de Siham, compañeira de traballo da súa filla, ao que lle cambia a vida ao atopar unha escultura do deus Apolo.

Comentarios