Alumnado de Outes pide que se dedique unha rúa do Concello a Fernando Pessoa

A iniciativa fai parte do proxecto educativo “De Outes a Lisboa com Fernando Pessoa” do IES Poeta Añón.

ies añon outes pessoa

O alumnado de 4ºESO do IES Poeta Añón de Outes solicita para o seu concello unha vía pública co nome do escritor portugués Fernando Pessoa, “unha das figuras máis destacadas da literatura occidental”.

Esta iniciativa encádrase no proxecto educativo “De Outes a Lisboa com Fernando Pessoa” promovido polos departamentos de Lingua Galega e Historia, dirixidos polas profesoras Maruxa Caamaño e Susana Álvarez  co propósito de investigar a historia local.

Aínda que Fernando Pessoa non nacese nese territorio, a súa relación con Galiza está documentada, indican. “Sábese que o vínculo de Pessoa cos galegos non é só literario ou lingüístico, senón tamén xenealóxico: un tataravó del, Caetano Dionisio de Lens, era natural de Outes, conforme á investigación realizada por Carlos Quiroga no seu libro Raízes de Pessoa na Galiza, publicada en Através Editora”.

A ascendencia de Pessoa serviu de pretexto para o alumnado indagar sobre a emigración galega a Portugal, nomeadamente cara á rexión do Douro e Lisboa, un fenómeno migratorio pouco coñecido mais moi fluído a partir do S. XVIII.

Por tanto, a petición do alumnado tamén serviría de “homenaxe perenne para todas aquelas persoas galegas e outenses que tiveron que partir a Portugal, ben por motivos políticos ou económicos, como foi o caso do poeta Francisco Añón ou como o propio ascendente de Pessoa”.

O proxecto, que non só incluíu un obradoiro de lingua portuguesa (Ops!), senón tamén unha visita a Lisboa, foi inspirado no espírito da Lei Paz Andrade; lei que pretende fomentar os vínculos coa Lusofonía mediante o impulso da lingua galega nun contexto internacional, tal e como se recolle tamén no currículo educativo da ESO.

Finalmente, indican as responsábeis, esta intervención educativa alíñase coa chamada aprendizaxe por servizo, que persegue que o traballo académico das aulas incida na comunidade local grazas ao compromiso dos estudantes en asuntos que promovan o ben común.

Comentarios