CRÍTICA DE CINEMA DA SEXTA FEIRA

"As altas presións"

O crítico de Cine Andrés Castro achéganos esta sexta feira As altas presións, o novo filme de Ángel Santos que encadra no Novo Cinema Galego. 

altaspresions

Ano: 2014
Duración: 95 min.
Nacionalidade: Galiza
Director: Ángel Santos
Guión: Miguel Gil e Ángel Santos
Fotografía: Alberto Díaz Bertitxi
Música: Unicornibot
Elenco: Andrés Gertrudix, Itsaso Arana, Juan Blanco, Diana Gómez, Marta Pazos, Hugo Torres, Xabier Deive, Fernando Epelde, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Borja Fernández, Pablo Piñeiro, Bea Campos

SINOPSE
Miguel regresa de Madrid a Pontevedra co encargo de rexistrar as localizacións para unha película. Tratará de levar a termo o seu traballo aínda que case sempre prefira gravar os paisanos cos que se atopa, os movementos e os rostros dos seus amigos, os trens pasando ou o mar. A súa viaxe ofreceralle unha nova perspectiva sobre a súa situación e tamén a posibilidade dun novo amor.

CRÍTICA

Estrea mundial no Festival Internacional de Cinema de Busan (Corea do Sur), Premio á Mellor Película na Sección ‘Nuevas Olas’ no Festival de Cinema Europeo de Sevilla e vista na 28ª edición de Cineuropa Compostela, chega por fin a salas a esperada película de Ángel Santos: As Altas Presións. Filme que comeza co retorno ao pobo natal (Pontevedra) dun rapaz que emigrara a Madrid para traballar no mundiño do cine.

Un mozo que retorna a casa entre triste e esperanzado, coa fronte murcha e as neves do tempo prateando a súa tempa. Só os que tivemos que emigrar fóra entendemos esa sensación de cando se retorna á terra con esa sentimento de pertenza e desapego ao mesmo tempo. Estar de novo cos teus pero tamén sentirse fora de lugar. Desesperanza. Oportunidades perdidas. Insatisfacción. Desarraigo. Lugares baleiros e abandonados lonxe de todo onde o protagonista parece sentirse máis cómodo e gusta de filmar coa súa inseparable cámara dixital.

altaspresions2

Metáfora paisaxística sobre o que lle pasa no interior. Mais tamén hai lugar para a esperanza. O amor está aí agardando nalgures. Só hai que ir por el. Mais iso quizais sexa o verdadeiro problema. Lanzarse ao baleiro. Por iso pon o listón moi alto. Case inalcanzábel. Idealización imposible que, con sorte, nunca chegará e así nunca terá que volver a sufrir. Mais ese inmobilismo non lle fai feliz precisamente. Un filme que abarca un montón de temas e ningún. Tal coma se estivéramos no medio dunha conversa entre amigos tomando unhas birras. Hai un fío condutor pero non se quere chegar a ningún punto. Só charlar. Este é precisamente o espírito da película.

"O filme pódese englobar dentro do denominado ‘Novo Cinema Galego’: unha corrente de filmes producidos en Galiza por novos talentos que asumen riscos"

Cine dentro de cine do que Ángel Santos menta como referente a François Truffaut. Respecto ao título parece que lle veu a inspiración da mestura de sonoridade do tempo en Galiza e os dramóns de Douglas Sirk. Pese que se opta por non usar apenas o galego porque, segundo o propio Santos, “non soe escribir guións en galego” (salvo curtas) e sobre todo “por contar nos papeis principais con actores de fora de Galiza” como Andrés Gertrudix ou Itsaso Arana, o filme pódese englobar dentro do denominado ‘Novo Cinema Galego’: unha corrente de filmes producidos en Galiza por novos talentos que asumen riscos, propoñen unha estética libre, universalizan conceptos e tiran liñas argumentais alternativas ao panorama cinematográfico comercial.

Cinema de vangarda herdeiro do free cinema e o cinema experimental. Unha corrente que suma creatividade e novas formas de entender o cinema. Ángel Santos comezou a soar con forza, xunto a Eloy Enciso (Arraianos), Xurxo Chirro (Vikingland) ou Oliver Laxe (Todos vós sodes capitáns), dentro desta ‘nova onda’ coas súas primeiras curtametraxes (Septiembre, O Cazador) pero sobre todo coa primeira longametraxe: Dous fragmentos/Eva. É evidente que As Altas Presións garda similitudes estéticas e narrativas con esta, e segue esta liña de cinema periférico-independente. Sen ser redonda, As Altas Presións funciona bastante ben. Nótase aínda un deixe a recén saído da Facultade, mais tamén apunta maneiras e apréciase un talento indiscutíbel. Guste ou non esta forma de entender o cinema, pode estar ben orgulloso de pertencer a esta nova corrente de códigos formais independentes chamada ‘Novo Cinema Galego’. A corrente artística aínda está en cueiros pero xa apunta a ser un movemento influínte dentro do panorama internacional. Aplaudimos que as salas comerciais aposten por el.

Comentarios