A demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da Real Academia Galega abriu unha fenda difícil de pechar. O escritor ourensán deixou o cargo após de ser acusado de incorrer en prácticas de nepotismo na contratación de persoal nesa institución. A propia executiva do Pleno pediulle transparencia nas contas e explicacións e, malia as contas teren sido aprobadas por unanimidade, a demisión de Ferrín acabou por se materializar. Formalmente ningún académico pediu a Ferrín que se fose. Ao contrario, o plenario demandou ao escritor de Con Pólvora e Magnolias que, cando menos, se mantivese como académico numerario.
Ferrín fixo ouvidos xordos e marchou, deixando a súa cadeira valeira. Non deu ningunha explicación pública sobre as acusacións de nepotismo que se deitaron contra el. Disparou contra forzas "internas e externas" que estarían a pór en risco a pervivencia da institución, mas sen as nomear en ningún momento.
Antes da demisión se consumar, o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, sinalara os académicos do ILG e o Consello da Cultura Galega como conspiradores.
A hipótese dunha candidatura encabezada por Alonso Montero colleu forza nas últimas horas após dar a coñecer Manuel González a súa intención de optar ao cargo
Xosé Luís Axeitos asumiu a presidencia da RAG con carácter interino. Segundo os estatutos da entidade, após a renuncia do presidente, ábrese un prazo de 3 meses para a súa substitución. No que si hai acordo entre críticos e ferrinianos é que a RAG debería chegar ao 17 de Maio, Día das Letras Galegas, cunha nova persoa ao fronte da institución.
Manuel González, a persoa que tería o apoio dos ferrinianos, tamén foi acusado de facilitar o acceso de familiares ao cadro de persoal da Academia. A persoa que se perfila como o seu opositor nas eleccións á presidencia ten 85 anos e unha traxectoria historicamente ligada ao PCE.
Sermos Galiza, no seu número 39, xa adiantou a posibilidade de o sector crítico impulsionar unha candidatura formada polo profesor Alonso Montero e a directora do ILG, Rosario Álvarez. Esa posibilidade colleu forza nas últimas horas após dar a coñecer Manuel González a súa intención de optar ao cargo. Algúns elementos dos sectores críticos, nucleados arredor de Ramón Villares, mesmo defenderon que a RAG, o ILG e o Consello da Cultura Galega se integren nunha estrutura única ao estilo do que foi o Seminario de Estudos Galegos. A iso referíase precisamente o propio Ferrín cando denunciaba as ameazas de "absorción" que pesaban sobre a institución.
Os críticos a Ferrín barallan a hipótese de a RAG se integrar co ILG e o CCG nunha estrutura única inspirada no que foi o Seminario de Estudos Galegos
O primeiro plenario após a presentación da candidatura de Manuel González foi a homenaxe en Vigo a Fernández del Riego realizada este sábado. A RAG trasladouse a esa cidade para celebrar alí unha sesión extraordinaria na Fundación Penzol e entre @s académic@s que participaron estaba o propio Alonso Montero. Non se falou en público de candidaturas mais no ruxe ruxe comentáronse ambas posibilidades: a confirmada e a posíbel.