OS XARDíNS DO FUTURO

Allariz acolle a sétima edición do seu Festival Internacional de Xardíns

Xardíns da ribeira do Río Arnoia
photo_camera Xardíns da ribeira do Río Arnoia. Foto: Allariz.gal

A ribeira do Río Arnoia presenta a súa mellor cara a partires de mañá. O 13 de maio é o día elixido para abrir as portas do sétimo Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que copará a beira fluvial con 13 hectáreas compostas por 12 xardíns. Os espazos verdes participantes no concurso permanecerán expostos en perfecto estado para desfrute de veciños e visitantes ata o mes de outubro, no que se desmontarán todos, excepto o gañador, para dar paso aos proxectos da vindeira edición.

Nesta edición a temática fai que os concursantes miren cara o porvir e se prantexen como serán, ou como lles gustaría que fosen, Os xardíns do futuro. Esta é a frase que dá nome e que guía a sétima celebración deste festival. Deste xeito téntase cumprir unha labor de desenvolvemento social, concienciada co medio e de carácter sostible e todos os materiais serán reutilizados ao finalizaren as exposicións. Os xardíns competidores serán 10, aos que se lles suma a participación didáctica dos alunos do Colexio Padre Feixóo e a exhibición do xardín gañador do pasado ano, "A la imagine de Allariz" do paraguaio Gabriel Ayala. A partires de mañá, proxectos chegados de todo o mundo competirán por ser o mellor xardín. Aos paisaxistas galegos e españois, únense propostas de Brasil, Austria, Colombia, Países Baixos e Italia.

O Arnoia e as súas augas son a peza central do proxecto

Este festival busca facer de Allariz un referente en paisaxismo e zonas verdes así como dinamizar a economía local, aportando un valor engadido á xa recoñecida oferta cultural e gastronómica do concello ourensá. O proxecto xira en torno ao Río Arnoia e as súas augas, e nas súas anteriores edicións xirou en torno a diferentes temas como a moda, a auga e mesmo o propio Allariz. Para o vindeiro ano o leitmotiv será a tradicional Feira do Boi alaricá.

O prezo das entradas é de 2 €, 1€ na tarifa reducida, e serán gratuitas para menores de 12 anos

Se ben supón un custo, xa que cada xardín ten un prezo que ronda os 5.500 €, dende o Concello, o alcalde Francisco García, resaltou o carácter positivo da inversión que se recupera de xeito case total coa recadación en entradas. O prezo destas será de 2 euros, para a tarifa normal; 1 euro na reducida, para maiores de 65 anos e grupos de máis de 10 persoas e será gratuito para as persoas menores de 12 anos ou en disposición de tarxeta cidadá. 

O xurado está presidido polo prestixioso paisaxista portugués, Francisco Caldeira Cabral, e composto por; Francisco García, Alcalde de Allariz; Bernardo Varela, Concelleiro de Medio Ambiente; Celestino Feijóo, aparellador municipal e os paisaxitas Elsa Severino, José Crespí (representante da Asociación Española de Paisajismo) e Teresa Vicente Franqueira, presidenta da Asociación de Graduados en Paisaxismo.

Comentarios