'Alén', unha compilación de relatos orais para salvagardar a tradición esotérica

O proxecto de Pablo Diego Dios loita contra a "eutanasia do rural"
Pablo Diego Dios, autor de 'Alén'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pablo Diego Dios, autor de 'Alén'. (Foto: Nós Diario)

A subvención do Arquivo Documental e Bibliográfico para a Preservación da Cultura outorgada pola Deputación de Pontevedra recaeu este ano na obra Alén, de Pablo Diego Dios. Este pontevedrés de 22 anos segue o ronsel de Ánxel Fole en obras como A lús do candil ou Terra brava para trazar a súa propia concepción antropolóxica da Galiza esotérica, que xorde de relatos reais compilados por el nas Serras do Cando e do Candán, nas comarcas de Terra de Montes-Tabeirós e Pontevedra. 

Trátase dun proxecto que o autor entende vencellado á súa biografía persoal. Aínda que naceu en Pontevedra cidade, sempre estivo moi ligado ao rural, afeito a ir coas bestas ao monte e escoitar contar esas historias de antes. "O xermolo deste proxecto, que vén xa de dous anos atrás, é o amor á lingua e ao país", declara con seguridade. Por iso lle doe tanto sentir a "demotanasia que sofre o rural", e que ameaza a desaparición tamén desa mitoloxía que, seguindo a Castelao, representa para el "o que fomos, o que somos e o que seremos". 

Lendas, supersticións, tradicións ou aparicións da estadea poboan as páxinas de Alén, unha novela que as vai integrando en cada capítulo como relatos contados por unha serie de personaxes, mais que segue ao tempo unha trama que os aglutina. O seu desencadeante é a morte dun dos últimos habitantes da Fraga de Abaixo. Diante do cadaleito, o derradeiro vedoiro do país sentencia: "Volveremos atoparnos na mesma circunstancia, pero só tres dos cinco aquí presentes". E non son palabras menores, pois esta figura ten a facultade de adiviñar a presenza da morte. Este don (ou desgraza) venlle dado por ser bautizado con auga bendita utilizada nun enterro, ou porque o cura que lle administrou o sacramento levaba posta unha estola que utilizara para dar a extrema unción. Os seus ollos poden ver así a procesión das Xás, que a diferenza do que acontece coa Santa Compaña non reúne ánimas dos mortos, senón pantasmas de vivos que van finar.

Así as cousas, algunha das asistentes ao enterramento vai morrer. Un grupo de amigos e amigas reúnense co bulebule desa declaración, e contan historias relacionadas.

Reivindicar a oralidade

Con Alén, Pablo Diego Dios quere salvagardar esa tradición xerada durante milenios, preservada na oralidade de historias que son "máis de alá, e do portalén, ese lugar onde conflúen as formas do universo". Como "neno labrego de adopción", dedica o libro aos que non teñen viva esa cultura.

Hai xa que logo unha postura que non chama política -mais que non o é?-, pero si reivindica a "excepcionalidade histórica dun pobo único froito da superposicións de culturas", que incorre nunha mitoloxía heteroxénea e singular de múltiplas capas: celtas, suevos, arrianos, priscilianistas... Algunhas absorbendo as outras, nas continuas mutacións dos cambios de mans do poder ao longo dese proceso dialéctico que chamamos historia. 

Alén saeu á luz o pasado 22 de decembro e presentouse o día 30 en Villa Pilar, en Pontevedra, nun acto no que estivo arroupado pola maxia da música de Xan López, un dos fundadores de Treixadura

Comentarios