Publican 'Inda canto!', o seu sétimo disco

Treixadura aínda cantan

O repertorio vivo de taberna e romaría débelles non poucos favores. Nos seus discos, sete contando o acabado de publicar Inda canto!, recolleron e popularizaron e espallaron tonadas e coplas tradicionais. Treixadura conservan os mesmos obxectivos: “Manter as melodías coas que os nosos gaiteiros animaron festas e romarías”.
 

treixadura
photo_camera Treixadura.

Inda canto, inda cantamos, aínda temos folgos para cantar, tocar e achegar a tradición galega á xente a través dos nosos concertos”, sinala o comunicado co que dan a coñecer o seu novo traballo. Doce cancións con orixe popular -ás veces a letra, ás veces a melodía, aínda que membros de Treixadura tamén compoñen- así o demostran.

treixadura inda canto!

“A música tradicional é unha necesidade para unha tribo, para un pobo para unha sociedade”, din, “precisamos deses referentes do imaxinario colectivo, esas cancións e letras que coñecemos todas e todos e cantamos en ocasións especiais ou sen máis, cando nos xuntamos”. A particular maneira en que lle dan forma a estas teses inclúe gaitas, acordión, percusións (pandeiros, bombos, cunchas, tambores, pandeiretas) e un orfeón.

Había tres anos que Treixadura non botaban disco. Vendima Tarda (2015) foi a peza coa que deran continuidade á súa célebre tetraloxía, aquela titulada con cadanseu octosílabo da cuarteta Unha noite no muíño.

Inda canto! tamén responde, indican na nota promocional,  “a unha homenaxe a todas aquelas persoas que desde base logran que a cultura teña máis forza ca nunca, ás agrupacións que se achegan a seráns, tabernas e foliadas para que a música galega estea viva”.

Treixadura naceron en Redondela en 1990. Nun vello muíño desa vila oferceron o seu primeiro concerto en 1992. Obrigado (1996) titulouse o seu primeiro disco. “Compartimos co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo”, afirman.

Comentarios