Contracultura

Alejandra Escolante: "Cada concerto é único porque unha peza soa diferente segundo o órgano que tocas"

Alejandra Escolante, organista, tocará en concerto este sábado na Igrexa da Universidade de Santiago con motivo do feche do ciclo 'De lugares e órganos', posto en marcha na cidade co obxectivo de pór en valor os seus órganos históricos así como o patrimonio musical vencellado a eles.
A organista Alejandra Escolante nun dos seus concertos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A organista Alejandra Escolante nun dos seus concertos. (Foto: Nós Diario)

—Este sábado tocará xunto co Quinteto InVento. Como definiría o concerto que darán?
É un programa moi variado. En primeiro lugar, trátase dun órgano histórico, ibérico para ser máis concreta, afinado en 415 hertzs, mentres que os instrumentos do quinteto son modernos e están afinados en 440 hertzs. Non é posíbel tocar en conxunto, polo que o repertorio está pensado para tocalo de forma alternada, nalgunhas ocasións inclusive facendo dúas versións da mesma peza.

Aliás, tamén temos unha sorpresa que faremos en conxunto cun instrumento antigo que tocará un dos membros do quinteto. Por outra parte, o meu repertorio está situado entre os séculos XVI e XVII mentres que eles abranguen desde o século XVIII até o XX. É un programa diferente que trata de ensinar ao público as distintas combinacións de rexistros que existen, por iso pretendo ensinar unhas pezas máis sinxelas e outras con maior variedade.

O órgano da Universidade é de teclado partido coa trompetería en fachada e coa oitava curta, que dificulta un pouco tocalo mentres non te acostumas. Tamén ten unha serie de pisas para os pés cos que se accionan os tubos máis grandes. O que quero é mostrar case todos os rexistros que ten en diferentes momentos do concerto.

—'De lugares e órganos' é un programa especialmente interesante, posto que mestura a divulgación histórica coa música.
É que ademais é un instrumento pouco coñecido. En Santiago temos un patrimonio valiosísimo no que respecta aos órganos. O da Igrexa da Universidade en concreto foi restaurado a finais do século pasado, polo que non hai tanto que volveu soar. Se non se exterioriza todo o esforzo económico que se fixo para poder recuperar os órganos da cidade, carece de sentido.

Tamén hai que diferenciar o uso do órgano na liturxia do seu papel no ámbito dos concertos. Son repertorios diferentes, mais este segundo uso é menos coñecido. A xente en xeral ten asociado o son do órgano ao cheo, o habitual durante a liturxia, mais ten unha sonoridade moitísimo máis variada e unha tímbrica que vai mudando segundo vaias combinando os rexistros. Eu tiven a oportunidade de tocar en practicamente todos os órganos de Santiago e o único que me faltaba era o de Belvís. Nesta edición organizaron un itinerario seguindo a memoria de Mariano Tafall e este é o único órgano del que se pode escoitar.

Convidáronme a tocar unha peza, algo que me fixo especial ilusión porque é un órgano que nunca escoitara. De feito, polo que teño entendido, ao ser un convento de clausura, é a primeira vez que soa en público desde que se restaurou, penso que nin sequera chegou a haber un concerto de inauguración.

—É complicado organizar ou acceder a concertos de órgano en directo?
Hai que ter en conta que xeralmente os órganos están en lugares nos que se practica a liturxia. Non é o caso da Igrexa da Universidade, mais habitualmente isto require falar co clérigo, adaptarse aos horarios e sobre todo que teña confianza para deixarte acceder ao instrumento e a ese espazo, porque realmente é como entrar na súa casa, por iso ás veces hai trabas.

Por iso animo a xente a que veña, ben neste ciclo ou noutro momento no que haxa un concerto de órgano. É algo que paga moito a pena porque cada concerto é diferente. Independentemente do programa, cada un destes instrumentos soa diferente polas súas características. Aínda que ti xa tocaras unha peza, en cada órgano novo tes que volver pór os números de que rexistros van soar en cada momento. Vólvese algo único porque unha peza soa diferente segundo o órgano e iso é marabilloso. É un son que enche toda a igrexa e que a min me chega a un nivel moi profundo porque é moi especial, é un instrumento que tanto pode chegar a ser moi íntimo como moi poderoso e completo.

Comentarios