Contracultura

Óscar Manuel Guzmán: "Aínda que os meus finais sorprenden a quen le, sempre intento que teñan todos os datos na man"

Óscar Manuel Guzmán (Vilamarín, Ourense, 1970) vén de ser galardoado co Premio de Novela Vilar Ponte, que impulsa o Concello de Viveiro, pola súa obra 'Pero... Como morren as pegas?', onde mestura unha trama propia da novela negra con outros temas como a migración, a conexión da Galiza con Portugal e os lazos de sororidade entre as protagonistas femininas.
O escritor Óscar Manuel Guzmán durante unha presentación da súa primeira obra (Foto: Nós Diario).
photo_camera O escritor Óscar Manuel Guzmán durante unha presentación da súa primeira obra. (Foto: Nós Diario).

—En apenas dous anos xa vai pola súa segunda novela. Como recibe o Premio Vilar Ponte?
É certo que eu son un escritor moi tardío e que precisei algún empuxón. De neno lía todo o que había e cando naceu Alba, a miña filla maior, que agora ten 20 anos, decidín inculcarlle un pouco esa afección pola lectura. Ao final, gustoulle tanto que comezou a escribir as súas propias historias e a concursar. De feito, xa leva gañados 30 certames literarios, entre eles o Xuventude Crea, grazas ao cal publicou Xoaniña de Deus (Xerais).

Claro, de súpeto ela estaba facendo enxeñería biomédica, mais tamén facendo o que eu quería facer: escribir. E un día díxome que por que non intentaba escribir unha novela. Creo que necesitaba que alguén me dixera algo así para que me dera esa forza. Grazas a iso escribín O segredo de Teresa (Toxosoutos), tamén pola confianza que puxo en min Roberto Abuín. E tamén por iso acabei escribindo esta segunda novela e evidentemente recibir un premio así sempre confirma que quizais tan mal non o estás facendo. Creo que é importante que fale destas conversas con Alba porque unha historia moi bonita é como unha sorte de retroalimentación que existe entre ela e eu para animarnos a escribir mutuamente. É emocionante. 

—No caso de Pero... Como morren as pegas?, optou tamén por achegarse á novela negra. Síntese cómodo neste xénero?
O segredo de Teresa é unha historia policial que camiña sobre todo por Ourense e por mosteiros da Ribeira Sacra. Despois desta historia, o certo é que eu xa tiña como unha casiña de bonecas con outras personaxes. Un día que estaba esperando a que a miña muller saíra do traballo, xa había tempo que eu miraba para as pegas, pero vin unha mansión e vin unha pega na varanda de pedra e xa empecei a contar o perímetro da mansión. Foi como ver o escenario ideal onde situar todas estas figuras que eu imaxinara. 

A miña cabeza non funciona nun esquema de facer uns plans, senón que ten que xurdir. Síntome cómodo neste xénero porque aínda que non escribo novela negra pura como pode facer Diego Ameixeiras, intento reunir o que me gusta da literatura e o que lía de neno, como Agatha Cristie. Son quen de quitarme do sitio e pórme no sitio do lector. Así, pregúntome que me gustaría que me contaran dunha historia, como me atraparía. Tamén creo que os meus finais sorprenden bastante, indubidablemente cunha lóxica porque non quero sacar cousas que non estaban aí xa, mais si que logro despistar moito a quen le. Sempre intento que a persoa teña na man todos os datos, sexan moitos ou poucos. 

Non podo dicir que sexa un gran escritor, mais si que sei contar historias. Son un operario de zonas verdes, o meu círculo non está na literatura nin no xornalismo, ámbitos nos que a xente escribe moi ben grazas ás ferramentas coas que conta. Mais esas certas carencias que eu teño quedan suplidas pola capacidade que posúo de atrapar a persoa que le, de contar boas historias. Gañar un certame literario é moi difícil, mais se trata de potenciar as fortalezas que un ten para que a historia supere outras debilidades que poida ter por outros lados. 

—Alén dos misterios que hai na obra, aborda tamén a conexión galega con Portugal, así como as dificultades que implican os procesos migratorios. 
Precisamente grazas ao meu traballo como operario de zonas verdes, percorro moitísimas zonas de Ourense. En cada sitio ao que vou, detéñome a mirar. Volvo sempre cun montón de historias. Eu nacín no rural e teño unha historia detrás de escoitar falar da migración e do estraperlo. Por iso tamén falo de Portugal, porque sempre estivo aí, especialmente a Raia seca, que non foi definida como a fronteira que supón o Miño. 

Comentarios