RAFAEL RODRÍGUEZ, ARQUEÓLOGO

 “Aínda nos quedan moitas cousas por aclarar do mundo galaico-romano”

Rafael Rodríguez foi un dos arqueólogos que a pasada sexta feira atopou o corpo dunha muller da Idade do Ferro no xacemento da Lanzada. Logo, na terza apareceu un corpo máis, desta volta dun meniño de seis meses, ambos os dous da época galaico-romana, con toda probabilidade. 

cornelia
photo_camera Imaxe do xacemento da Lanzada onde se atopou Cornelia

- Que puidestes saber de Cornelia antes de facer as probas de laboratorio?
- Que posiblemente se trate dunha muller de mediana idade, que está nun nivel de ocupación do século I despois de Cristo, case seguro. 

- Iso supón que é galaico-romana e non prerromana, non?
- Parece que si, imos velo, porque hai que mandar a datalo e demais. Pero está debaixo dun vertedoiro de lixo do século I e pode ter unha diferencia de poucos anos con respecto a isto, polo que cremos que pode estar nesas datas. 

- Un vertedoiro?
- É normal, no momento en que se esquecen os enterramentos, os espazos superiores son aproveitados para o que sexa, neste caso, se tiñan necesidade de guindar o lixo, era un espazo perfectamente válido, porque das sepulturas non quedaba ningún vestixio á vista, por iso non había recordo del. 

Se fose prerromano sería o primeiro corpo prerromano que aparece en Galiza, que é a fantasía de todos os arqueólogos que traballamos na Idade do Ferro e no mundo castrexo

-  Se fora prerromano tería moito máis interese por ser unha época menos coñecida, ou?
- Igual de interesante. Está claro que se fose prerromano sería o primeiro corpo prerromano que aparece en Galiza, que é a fantasía de todos os arqueólogos que traballamos na Idade do Ferro e no mundo castrexo. Até o momento non atopamos ningún e non temos claro que facían cos mortos nesa época. Pero da época romana non abondan as sepulturas. Hai varias, de feito aquí nos 60-70 e principios dos 80 apareceron algunhas, pero agora temos novas técnicas e novos plantexamentos que posibilitan coñecer moitos máis datos sobre este mundo romano. E non é tan coñecido como pensamos, aínda nos quedan moitas cousas por aclarar do mundo galaico-romano. 

- E como atopastes o meniño?
- Aparece no mesmo depósito, así que a cronoloxía é similar. É novidoso porque non hai moitos. Xa non hai moitos humanos, e de nenos menos aínda, dado que normalmente o seu estado de conservación é moi deficiente. A pesar diso, está o esquelete completo, aínda que deteriorado. 

- Por que é máis interesante que un adulto?
- Porque non hai moitos, e normalmente cando aparecen identifícanse máis con animais. 

- Que nos pode contar o esquelete dun meniño de seis meses?
- O mesmo que un adulto, coa diferencia de que non está contaminado. Podemos saber se morreu ao nacer, e coñecer o inicio da vida destes habitantes. 

- Ao meniño puxésteslle nome?
- Non. No caso da muller, como comezou a aparecer a sexta pasada, e era San Cornelio, que é un nome moi latino, criamos que lle ía ao pelo.

- Por que se conservan na Lanzada a diferencia do resto do país? 
- Temos a sorte de que a Lanzada está sobre un substrato areoso, e no momento en que se abandonan o xacemento, a duna invade todo o espazo. E esta area fai que os restos óseos, tanto humanos como animais, se conserven moi moi ben. E por iso se atopou esta necrópole nos anos 60-70 e agora volvemos a ampliar a área de enterramento ata o límite de onde estamos a traballar. 

Poderemos saber como se alimentaban, se desenvolvía moita actividade física, que enfermidades tivo ao longo da súa vida, cando morreu, se tivo fillos, un feixe de datos que nos van permitir coñecer a vida cotiá deste esquelete. 

- Cal é a importancia do achado?
- O primeiro é ampliar a área de enterramento. Criamos que a necrópole se limitaba ao entorno inmediato da estrada que une Sanxenxo co Grove. E estaba xa completamente desaparecida, nun lado porque xa se escavara e no outro pola acción urbanizadora dos anos 70. E agora sabemos que non, que se extende máis cara o campo da Lanzada, co cal estamos ampliando a área de traballo e de enterramento. 

- Unha vez que se analicen os restos que máis poderemos saber?
- Pois desde como se alimentaban, se desenvolvía moita actividade física, que enfermidades tivo ao longo da súa vida, cando morreu, se tivo fillos, o número de partos que tivo, un feixe de datos que nos van permitir coñecer a vida cotiá deste esquelete. 

- Que probas lle fan?
- Desde isotopos de carbono, carbono 14, todo tipo de analítica que se faga na antropoloxía forense, con todas as metodoloxías que temos a man a día de hoxe. 

- Desde a Deputación de Pontevedra anunciaron a súa posta en valor. Como vai ser? Vai musealizarse?
- Pois aínda non o sabemos porque depende do Ministerio de Fomento. Desde logo non se vai expoñer o esquelete no propio xacemento, poderanse poñer réplicas ou paneis informativos con realidade aumentada. Hai que estudalo aínda para ver a mellor opción.