'Ainda estou aqui', primeiro filme en portugués candidato ao Óscar a Mellor Película

Ainda estou aqui, a última longametraxe dirixida por Walter Salles, é o primeiro filme en portugués candidato á maior categoría dos Premios Óscar. A súa protagonista, Fernanda Torres, tamén compite polo galardón á Mellor Actriz.
 
Walter Salles dá indicacións a Fernanda Torres durante a rodaxe de 'Ainda estou aqui'. (Foto: VideoFilmes)
Walter Salles dá indicacións a Fernanda Torres durante a rodaxe de 'Ainda estou aqui'. (Foto: VideoFilmes)

É a primeira vez na historia que un filme en portugués disputa a maior categoría do Oscar.  Ainda estou aqui,  do director Walter Salles, representará o Brasil nos Oscar en tres categorías: Mellor Película, Mellor Película Internacional e Mellor Actriz (Fernanda Torres), tras a votación dos 25 membros dun xurado presidido pola actriz e directora Bárbara Paz. A película xa gañou o premio ao mellor guión no Festival de Venecia o pasado mes de setembro.

Aínda estou aquí conta a historia dunha familia con cinco fillos durante a ditadura militar brasileira (1964-1985) e está baseada no libro biográfico de Marcelo Rubens Paiva, escritor e fillo do político Rubens Paiva, desaparecido en 1971.

Salles declarou que o seu filme trata sobre o presente do Brasil: "Co paso do tempo decateime de que a historia da familia Paiva é a dun proxecto de país que foi brutalmente interrompido. Na casa de Rubens e Eunice había o desexo dun país libre, cunha identidade independente, esencialmente brasileira. Foi este posíbel Brasil o que foi interrompido polo golpe militar e pola escalada da súa violencia".

Unha candidatura que pasa da nai á filla

Fernanda Torres, candidata ao premio á mellor actriz, xa gañou un histórico Globo de Ouro nesta categoría a principios deste mes, provocando mesmo que o presidente Luiz Inácio Lula da Silva utilizase as redes sociais para celebrar a súa vitoria en canto se anunciou o seu nome como gañadora. "Emocionante! Fernanda Torres é o orgullo de Brasil", escribiu Lula. "Mellor actriz nun filme dramático nos Globos de Ouro pola súa gran actuación na película Ainda estou aquí. Como ela mesma di: a vida vale a pena. Parabéns, Fernanda Torres!".

Dáse a circunstancia de que Torres competirá polo galardón 26 anos despois de que a súa nai, Fernanda Montenegro, de 95 anos, fose candidata na mesma categoría por Estación Central do Brasil, tamén de Walter Salles. Naquel momento, o filme de Salles estaba entre as candidatas a Mellor Película Estranxeira (categoría que agora se denomina Mellor Película Internacional). Mais Montenegro perdeu ante Gwyneth Paltrow, que era candidata por Shakespeare in Love, de John Madden; e A vida é bela, do italiano Roberto Benigni, impúxose a Estación Central do Brasil.

En 2004, Cidade de Deus, de Fernando Meirelles, competiu en catro categorías, sen éxito: dirección, guión adaptado, montaxe e fotografía. A primeira longametraxe producida no Brasil en competir polo Oscar á mellor película de lingua non inglesa foi O Pagador de Promessas, de Anselmo Duarte, en 1963. A lista inclúe O Quatrilho, de Fábio Barreto, en  1995, e O Que É Isso, Companheiro?, de Bruno Barreto, en1998. 

O anuncio dos candidatos e candidatas aos Óscar foi adiado por dúas veces por mor dos incendios que axexaron Os Ánxeles. Organizada por Conan O'Brien, a cerimonia número 97 celebrarase o 2 de marzo na cidade dos Ánxeles.

Vítima da ditadura

A produción orixinal de Globoplay é unha adaptación do libro homónimo de Marcelo Rubens Paiva, que conta a historia da súa nai, Eunice Paiva, cuxo marido, Rubens Paiva, foi asasinado pola ditadura militar. O seu corpo nunca foi atopado. A longametraxe de Salles segue batendo récords na historia do cine brasileiro. Leva meses proxectándose no circuíto nacional e enchendo as salas desde a súa estrea en outubro de 2024. Despois das tres candidaturas históricas aos Óscar o público acudiu aos cines para ver o drama baseado na historia da familia de Eunice e Rubens Paiva durante a ditadura militar.

Rubens Paiva foi deputado polo estado de São Paulo polo Partido Trabalhista Brasileiro en 1962. Participou no Comité de Investigación creado para examinar as actividades do Instituto de Pesquisas e Estudos Sociais e do Instituto Brasileiro de Ação Democrática, dúas organizacións que supostamente financiaron comentaristas e escritores que alertaban sobre a "ameaza vermella" no Brasil. O Comité descubriu que algúns cheques estaban a ser depositados nas contas dos oficiais militares. Este esquema patrocinou o seguinte golpe de Estado.

Despois do golpe de estado de 1964, Paiva exiliouse en Iugoslavia e París. Nove meses despois regresou ao Brasil para traballar como enxeñeiro civil. En 1971 foi detido polos organismos de seguridade, manténdose en paradoiro descoñecido desde aquela. De acordo con varias testemuñas, foi torturado e asasinado polo Destacamento de Operações de Informações, un órgano de intelixencia e represión da ditadura militar.

Grazas á presión incansábel que exerceu Eunice Paiva, a súa esposa, logrou que se lle concedesee o certificado de defunción en febreiro de 1996.  Paradoxalmente, este certificado foi corrixido o mesmo día en que se coñeceu a candidatura ao Óscar, de xeito que agora rexistra que a súa morte foi violenta e causada polo Estado brasileiro.

Comentarios