luns 27.01.2020
AUDIOVISUAL

A AGA convoca os Premios Maria Luz Morales

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) e as catro deputacións galegas premian a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual convocando a cuarta edición dos Premios María Luz Morales, que foron presentados no marco do Culturgal. 

Presentación dos Premios María Luz Morales (Deputación de Pontevedra)
Presentación dos Premios María Luz Morales (Deputación de Pontevedra)

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) e as catro deputacións galegas premian, un ano máis, a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual convocando a cuarta edición dos Premios María Luz Morales, que foron presentados no marco do Culturgal. 

O evento contou coa presenza de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que será a anfitrioa da entrega de premios da presente edición, e que estivo acompañada por Aurelio Gómez, asesor de Cultura da Deputación de Ourense e Pepe Coira, vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual.

Coira reivindicou os dous obxectivos principais destes premios: "Descubrir a figura de María Luz Morales e propiciar o coñecemento e a investigación no eido audiovisual, o que constitúe unha das razóns de ser da Academia". 

Pola súa banda, Aurelio Gómez quixo destacar o "valor" da colaboración entre as catro deputacións para a posta en marcha desta convocatoria, así como a "importancia" do traballo conxunto para materializar proxectos a prol da cultura. 

A presidenta da Deputación de Pontevedra resaltou a "grande revolución" que vive o audiovisual galego a todos os niveis", e agradeceu á Academia que recuperase o nome de María Luz Morales e que "sacase do silencio a mulleres que tanto teñen aportado á nosa cultura”.

As persoas interesadas en participar na presente edición dos premios, poden presentar os seus ensaios escritos ou os seus videoensaios sobre temática galega e internacional por correo electrónico até o próximo 3 de maio, segundo recollen as bases, que xa están publicadas na web da Academia. Os traballos gañadores recibirán un galardón e 1.200 euros como recoñecemento.

comentarios