Adeus ao ano Manuel María cun simposio da RAG sobre a súa figura

A Real Academia Galega celebrará os vindeiros días 22, 23 e 24 de novembro un encontro que xuntará ao longo de tres tardes máis dunha vintena de persoas expertas en distintos aspectos da obra do protagonista do Día das Letras Galegas de 2016.

Manuel María_LQ
photo_camera Manuel María

O Simposio Manuel María continúa a conmemoración do ano dedicado ao poeta chairego cun programa, aberto a todo o público, no que os relatorios e mesas de debate comparten cartel co recitado dos seus versos, e que concluirá coa proxección do documental sobre o homenaxeado 'Eu son fala e terra desta miña terra', da académica Margarita Ledo Andión. Todas as actividades se desenvolverán na sede da RAG, na rúa Tabernas, 11 da Coruña.

A apertura do simposio, o martes 22 ás 16 horas, contará con outro membro da RAG e tamén amigo persoal do poeta, Darío Xohán Cabana, que pronunciará a conferencia inaugural, titulada “De Muiñeiro de brétemas a Advento: a progresión fulgurante”, a partir das 16.30 horas. De seguido, Marta Dacosta, Manuel López Foxo e Rosalía Fernández Rial analizarán distintos aspectos da obra poética de Manuel María nunha mesa de debate moderada por Mercedes Queixas. A primeira xornada concluirá cun recital de poesía do homenaxeado nas voces de Marica Campo, Rosalía Fernández Rial, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez e Xulio López Valcárcel.

O programa do mércores 23 de novembro inclúe unha conferencia de Camilo Gómez Torres, “Manuel María: biografía e creación”; unha mesa de debate, moderada polo académico Henrique Monteagudo, na que Mercedes Queixas, Carmen Fernández-Pérez Sanjulián e Xosé Ramón Freixeiro Mato falarán da obra narrativa e xornalística de Manuel María e da importancia da lingua na vida, na obra e no pensamento do autor; e tres relatorios de Henrique Rabuñal, Montse Penas e Xurxo Souto sobre a historia inserida no teatro de Manuel María, o papel que xogou a súa escrita na educación literaria en galego e a súa relación coa música.

O xoves 24 de novembro a xornada arrincará cunha mesa de debate sobre a relación entre poesía e política en Manuel María que moderará a académica Margarita Ledo e que terá como convidados a Xosé Estévez, Pilar García Negro e Carlos Quiroga. Na quenda de relatorios, Antón Lopo levará o público até o universo literario da libraría Xistral, que Manuel María e a súa dona Saleta Goy rexentaron en Monforte de Lemos; Xosé Lois García percorrerá as paisaxes identitarias do autor e a académica Fina Casalderrey abordará a pegada que Manuel María deixou nas escolas. A partir das 19.30 proxectarase, xa para rematar, o documental 'Eu son fala e terra desta miña terra', un retrato de Manuel María coa súa propia voz que recupera imaxes de distintos momentos e escenarios da vida do poeta.