Adeus Alonso Montero

Hoxe, sexta feira, remata o mandato de Xesús Alonso Montero como presidente logo de catro anos á fronte da Real Academia Galega. 

Siro_4
photo_camera Manuel González e Xesús Alonso Montero


Xesús Alonso Montero concluíu hoxe, sexta feira, a súa etapa como presidente da Real Academia Galega logo de catro anos á fronte da institución, tal e como vén de informar a institución da rúa Tabernas. Oficializouno hoxe ante os membros do plenario na xuntanza ordinaria celebrada esta tarde. Así remata un mandato que mantivo aos membros da Academia divididos en dous bandos, cun Alonso que foi elixido só cun voto máis por riba do outro aspirante, Manuel González, despois da demisión do anterior presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín. 

Aínda está no aire quen será o futuro presidente da máis antiga institución do galeguismo, que será elixido nun proceso no que poderemos ver se se pecharon ou non as feridas abertas hai catro anos. Todo apunta a que Víctor Freixanes, que abandonou a dirección de Galaxia hai pouco, será un dos candidatos, pero está por ver se haberá consenso arredor del e se o outro bando argallará unha alternativa. 

Mentres, será Henrique Monteagudo -secretario da RAG- quen ocupe interinamente o cargo de presidente e quen pilote o proceso electoral. Os estatutos da institución establecen un período non superior a tres meses para a elección da nova Comisión Executiva. A candidatura ou candidaturas á Presidencia da RAG que poidan concretarse deben ser presentadas por tres membros de número da institución. Para facelo disporase dun prazo que remata 48 horas antes da data que se fixe para o desenvolvemento do Pleno extraordinario de elección. 

Comentarios