Achégase un Carballo Interplay protagonizado por webseries galegas

A unha semana para a chegada deste festival, tres comedias e un drama compiten o xoves 4 nun pitching público polo premio ao mellor proxecto de webserie en lingua galega.

CIP2016_S07_MAÑA©DAVIDTOMBILLA_063
photo_camera Imaxe da edición de 2016 do Carballo Interplay [Foto: David Tombilla]

O premio do Carballo Interplay ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a gravación dos primeiros tres capítulos, convirte o festival nun campo aboado para este formato. Así, tres comedias e un drama compiten este ano polo galardón que na pasada edición conquistaron os Porco Bravú con 'Peter Brandon', unha comedia con tintes dramáticos que se estreará o 5 de maio, ás 22h30, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. 

'Peter Brandon' é un falso documental que amosa a vida do popular cómico Pedro Brandariz fóra dos escenarios e, no camiño, satiriza o sector audiovisual galego coa complicidade de caras coñecidas como Xosé Antonio Touriñán, Evaristo Calvo, María Tasende, David Amor ou Isabel Risco, entre moitos outros. Con claras referencias ás series de Louis CK ou Ricky Gervais e cun ton pouco habitual no noso audiovisual, Peter Brandon está asinada polos gañadores do Mestre Mateo á mellor webserie nas edicións De 2015 e 2016, os Porco Bravú: Jorge Boquete (director), Javi Lopa (productor), Óscar Cruz (guionista), Dani Graña (director de fotografía) e Diego Bouzón (xefe de sonido). 

Tres comedias e un drama compiten este ano polo galardón que na pasada edición conquistaron os Porco Bravú con 'Peter Brandon', unha comedia con tintes dramáticos que se estreará o 5 de maio

Un día antes, o xoves 4 ás 19h00, catro proxectos de webserie competirán nun pitching público polo beneplácito do xurado. Trátase do drama existencialista 'Albedrío', creado por J.S. Raimundi e Álex Vázquez e protagonizado por Melania Cruz e Tito Asorey; da comedia de situación 'Efectos Secundarios', creada e protagonizada por Pablo Cobos e Paula Ballesteros-Arias; da comedia con pequenas tinturas dramáticas 'Hai vida en Bran', creada e protagonizada por Ángela Andrada, que se acompaña por un nutrido grupo de personaxes que rompen estereotipos; e máis da comedia fantástica 'Megamadriñas', que mestura o mellor da épica dos superheroes co máis enxebre do rural galego, baixo a batuta de Antón Coucheiro, Paulo Rubal e Joseba Muruzabal.

35 webseries de todo o mundo

Trinta e cinco webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da cuarta edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de maio na vila coruñesa e que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Alí poderemos ver 5 webseries galegas, 12 do resto do Estado e 18 do resto do mundo: desde Alemaña a Chile, pasando por Israel ou Nova Zelandia. 

Trinta e cinco webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da cuarta edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de maio na vila coruñesa e que repartirá máis de 5.000 euros en premios.

O Carballo Interplay ofrecerá, así, unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das webseries a nivel global. Como vén sendo habitual nas últimas edicións, o humor terá unha presenza abafadora (25 das 35 webseries finalistas son comedias), pero as temáticas son moi variadas: ciencia ficcción, horror, aventura, sátira política... Tamén haberá oco para o drama, o documental e o thriller. E, por suposto, un amplo abano de mesturas e experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.

As 35 webseries finalistas proxectaranse en seis bloques -un de versión orixinal en galego, tres internacionais e dous do Estado- nas tardes da quinta 4, da sexta 5 e do sábado 6, no Auditorio de Carballo. Cada bloque terá unha duración de entre unha hora e unha hora e cuarto e a entrada, como en todas as actividades do Festival, é libre e gratuíta até completar aforamento.

Comentarios