Convocada a oitava edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía na Galiza

Esta terza feira abriu o prazo para presentar solicitudes a un certame que organiza a Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Axencia Galega de Innovación.
Entrega dos galardóns da edición de 2021 (Foto: RAGC).
photo_camera Entrega dos galardóns da edición de 2021 (Foto: RAGC).

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), vén de convocar a oitava edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía na Galiza.

O galardón ten por obxectivo "recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento e difundilos entre a cidadanía", e está destinado a persoal investigador e empresas do país "na súa faceita máis aplicada e de transferencia de coñecemento".

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía recoñecen desde 2015 as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedentes de organismos de investigación ao tecido produtivo, e destacan proxectos centrados nos campos da biomedicina, farmacolóxica, tecnoloxías TIC ou traballos sostibles nos sectores agroforestal e agroindustrial, todos eles liderados por grupos de investigación de todo o país.

Tres categorías

Nesta nova edición, o galardón divídese en tres categorías. Así, o premio 'Francisco Guitián Ojea' distinguirá un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico da Galiza.

O premio 'Fernando Calvet Prats' destacará un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida.

E, por último, o premio 'Ricardo Bescansa Martínez' galardoará un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, froito da colaboración cun grupo de investigación galego. Irá destinado á empresa que implantase con éxito a tecnoloxía transferida. As tres categorías están dotadas de cadanseu premio de 6.000 euros e un diploma acreditativo.

Prazo de solicitudes aberto

O prazo para a recepción de solicitudes abriu esta terza feira, 15 de febreiro, e fechará o vindeiro 15 de abril. A tramitación das candidaturas farase de modo telemático, a través dun formulario específico para cada categoría dispoñíbel nos portais web da RAGC e de GAIN. Unha vez cumprimentado, o formulario será remitido ao enderezo electrónico [email protected].

Comentarios