Galiza, "referente europeo" para o estudo da onomástica a través do Camiño

A RAG organiza hoxe en Pontevedra a VI Xornada de Onomástica, que reunirá especialistas en distintos ámbitos para profundar no patrimonio toponímico do país.
A académica corrrespondente Luz Méndez, coordinadora da xornada, intervén na inauguración acompañada na mesa polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega; e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey (Foto: RAG).
photo_camera A académica corrrespondente Luz Méndez, coordinadora da xornada, intervén na inauguración acompañada na mesa polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega; e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey (Foto: RAG).

A VI Xornada de Onomástica Galega reúne este sábado no Museo de Pontevedra especialistas de distintos ámbitos que profundarán na toponimia a través do Camiño de Santiago.

O encontro, organizado pola Real Academia Galega (RAG), rematará cunha mesa redonda na que se debaterá sobre o liderado que o país pode asumir "no eido da investigación onomástica".

Víctor Fernández Freixanes, presidente da RAG, salientou que os nomes de lugares e das persoas "teñen a crónica da nosa identidade e a memoria da nosa historia". Por iso, "estudalos e coñecelos é unha maneira de viaxar polo que somos e, sobre todo, polas raíces do que somos, que tamén é un modo de pensar e entender o que queremos ser".

"O Camiño de Santiago é un capítulo da nosa historia fundamental para a comprensión da identidade de Galicia. Na súa toponimia e no propio nome de Santiago polo mundo adiante podemos seguir o que significa un episodio tan representativo da nosa identidade colectiva", engadiu Freixanes.

Pola súa banda, a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, destacou que esta xornada é "unha oportunidade para reivindicar que a nosa lingua amosa a nosa forma de ser e estar na nosa terra, e tamén alá onde chegamos fóra das nosas fronteiras".

Luz Méndez, académica correspondente da RAG e unha das coordinadoras do evento, expuxo: "Reflexionaremos sobre como podemos facer do Camiño e da Galiza un elo vertebrador e de impulso dos estudos europeos neste campo, desde a posición de destino final das rutas europeas".

Palestras

O primeiro debate da xornada versará sobre a orixe do nome de Santiago, e correrá a conta de Pilar Cagiao, profesora de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Sandra Beis, profesora do IES da Illa de Arousa.

A partir das 13 horas será a quenda de María Carmen Liñares e Xano Cebreiro, docentes do CEIP Agro do Muíño e do IES Milladoiro (Ames), que exporán as experiencias didácticas desenvolvidas en ambos os centros no que atinxe á toponimia do Camiño.

Na xornada de tarde, José María Anguita, da área de Filoloxía Latina da USC, ofrecerá un achegamento á toponimia do 'Códice Calixtino' a través das páxinas do 'Liber sancti Iacobi', que data do século doce.

Finalmente, Luz Méndez moderará a mesa redonda sobre o papel da Galiza como impulsora dos estudos toponímicos sobre o Camiño, coa participación de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Eduardo López Pereira, membro da Academia Xacobea; Cristina Sánchez Carretero, antropóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, e o académico correspondente Gonzalo Navaza.

Comentarios