A Academia reúne nove olladas sobre a onomástica literaria

O libro que recolle as achegas presentadas na VII Xornada de Onomástica Galega pode descargarse na sección de publicacións de academia.gal
Anxo Angueira, un dos participantes das xornadas.
photo_camera Anxo Angueira, un dos participantes das xornadas.

As contribucións presentadas na VII Xornada de Onomástica Galega xa poden lerse nunha das últimas publicacións da Real Academia Galega, Estudos de Onomástica Galega VII. A onomástica literaria. A institución celebrou o pasado mes de outubro no Museo de Pontevedra un encontro arredor dos nomes propios, centrado na relación entre estes e a literatura.Os traballos poden lerse xunto á transcrición da conversa sobre a elección dos nomes dos personaxes na narrativa galega actual protagonizada por Berta Dávila, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey.

Na publicación, Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía, pescuda na súa contribución as escollas dos nomes dos personaxes literarios rosalianos e detense tamén no nome da autora. «Desde o seu propio nome, as cuestións de tipo onomástico non lle son alleas a Rosalía. Ela mesma, que no bautismo figuraba como María Rosalía Rita, familiarmente foi chamada Rosa e asinou con ese nome algunhas das cartas máis íntimas enviadas ao seu marido», conta.

O filólogo cita o recente estudo do profesor Fernando Cabo Aseguinolaza (2020) que sostén que o nome Rosalía de Castro é unha construción póstuma. «Aínda que La flor, a primeira obra da autora, fose así asinada en 1857, o certo que é que despois asina case sempre como Rosalía Castro de Murguía. Deste xeito, Rosalía de Castro e Rosalía Castro foron as dúas opcións póstumas coas que foi e aínda é designada a nosa autora, á beira da espida e familiar Rosalía», repasa Anxo Angueira, que lembra que houbo certa polémica histórica entre os defensores de cada unha das opcións.

Canto aos nomes dos personaxes da obra rosaliana, o filólogo indica que, alén da súa significación poética, estas eleccións están influídas polas lecturas literarias da autores como Victor Hugo, Jules Verne ou Edgar Allan Poe e mais polas circunstancias biográficas da autora. «O poema titulado “Margarita” de En las orillas del Sar ten ese nome porque alude aos conflitos da personaxe homónima do Fausto de Goethe, as protagonistas femininas de El primer loco, Esmeralda e Berenice, como indicou Fernando Cabo, levan os nomes de dúas personaxes de Victor Hugo e Edgar Allan Poe, respectivamente. E parece lóxico pensar que se “Las literatas”, ese texto que denuncia a desigualdade e os prexuízos que padece a muller que se quere dedicar á literatura, leva o subtítulo de “Carta a Eduarda”, é porque ese era o nome dunha moza moi próxima a Rosalía de Castro», exemplifica.

 

Nomes artúricos 

María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, fala noutro artigo sobre os nomes feridos desde a perspectiva da ecopoesía, un subxénero recoñecido nos últimos tempos que pon o acento no ecolóxico. «A literatura galega conta cunha nutrida e crecente tradición de textos xurdidos no contexto de mobilizacións contra agresións ao medio e catástrofes ecolóxicas ocasionadas polo ser humano en nome da industria e do progreso», explica a filóloga, que analiza composicións sobre a construción do encoro de Castrelo de Miño, a mina de ouro de Corcoesto ou o afundimento do Prestige.

Helena de Carlos, profesora da mesma institución, mostra como se quixo vincular coa Galiza personaxes mitolóxicos errantes que partiron de Troia, como Teucro, considerado fundador da estirpe dos Gallaeci, ou o presunto parentesco de Lisboa (Ulissipo) con Ulises e de Achelas (mosteiro lisboeta) con Aquiles. As lendas da historia de Troia tamén deixaron pegada na escolla dos nomes propios desde a Idade Media, pero sobre todo no s. XVI, cando se estendeu máis entre os fidalgos galegos o costume de lles poñer aos fillos e fillas nomes de personaxes literarios, inspirándose tamén nas lendas do ciclo de Bretaña, de onde saen nomes como Brianda, Briolanxa, Grimanesa, Guiomar ou Iseu, explica pola súa banda o académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Antón Palacio.

Bieito Arias Freixedo céntrase tamén na literatura da Idade Media  estudando a onomástica nos paratextos e a funcionalidade dos alcumes, entre outras cuestións, e Marga do Val, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, expón propostas didácticas baseadas na onomástica propia do alumnado.

Comentarios