Abre en Pontevedra a exposición 'O herbario de Rosalía'

A exposición, organizada polo Departamento de Lingua en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, está a disposición do público até o 17 de abril no vestíbulo do Pazo Provincial.
Anxo Angueira e María Ortega.
photo_camera Anxo Angueira e María Ortega, na presentación da mostra. (Foto: Nós Diario)

O departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra vén de abrir, no vestíbulo do Pazo Provincial, a exposición Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía, que recolle imaxes de plantas e flores vencelladas á súa obra. Esta iniciativa –realizada da man da Fundación Rosalía de Castro e coa colaboración na montaxe da responsable de exposicións do Museo de Pontevedra -  pretende ser un herbario literario (non científico) “que busca aproximarse ao que podería facer a propia Rosalía nos paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra”.

Na apertura da mostra estiveron presentes a deputada de Lingua María Ortega e o presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira. A responsable nacionalista puxo en valor unha vez máis a figura da “autora fundacional da cultura galega”. Ortega destacou a boa colaboración coa Fundación e subliñou que a proposta de expoñer o herbario de Rosalía “ten todo o sentido e está xustificada pola  importancia da natureza na súa obra” , ante o que animou a toda a veciñanza a visitar a instalación e aumentar o seu coñecemento da autora dende unha perspectiva diferente. De feito, anunciou que unha vez remate a estadía da mostra en Pontevedra, esta continuará o seu percorrido por dez concellos da provincia, para o que se abrirá un proceso de solicitude para os interesados.

Pola súa banda, Anxo Angueira destacou que para a Casa de Rosalía “é toda unha honra que a exposición do herbario chegue a unha vila tan significada na Galiza pola súa dimensión botánica e o faga da man dunha institución como da Deputación de Pontevedra que nos últimos anos colaborou coa Fundación dun xeito exemplar”. Insistiu en que se trata dunha exposición feita a partir dun “herbario literario único que soubo coordinar os traballos interdisciplinares da filoloxía, a botánica e a fotografía”.

De rosas, corniños, agulleiras, carballos, toxos e silveiras

A exposición, que xurdiu no marco dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, consta de cinco seccións con 40 imaxes (8 cada unha) que falan de rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e “outras flores, plantas e especies comestibles”.

Tamén dispón dun vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos, para o que se dispón dun procesamento fotográfico de calidade, levado a cabo por Miguel Fraga Vila, que traballou no proxecto xunto a María López-Sandez nun proceso dirixido por María Isabel Fraga Vila, profesora de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela.

Na obra de Rosalía, como no conxunto da tradición occidental, a rosa é a “raíña das flores” e este lugar de privilexio xustifica que o herbario lle consagre unha das súas seccións máis notables. Ocupan ademais un lugar relevante as flores humildes e ventureiras, de acordo coa sensibilidade especial de Rosalía cara ao aparentemente humilde: de aí as series “herbas do campo florido” e “herbiñas do camposanto”.

As que conforman a primeira sección son aquelas que, xa nos tempos de Rosalía, se atopaban nos eidos do país: o sete na rama, a muruxa e a herba da pedra, os corniños e a herba paxareira, a arenaria e a herba dona, a cabaciña ou a herba das doas, entre outras. Recóllense tamén a agulleira e a buglosa, evocadoras do ‘fúnebre recinto’, a celidonia e o hipérico, que ilustran esas floreciñas amarelas que nacen “en tumbas que non teñen nin lápida” ou herbas que medran tamén nos camiños, nas paredes e nos propios campos, mais que se revisten dun especial significado e solemnidade cando o fan no camposanto.

Entre as especies máis recorrentes nas escrituras de Rosalía sobrancean as árbores, particularmente o carballo. Así pois, aí están, constituíndo unha sección de pleno dereito no herbario, o carballo e o piñeiro, o álamo e a sobreira, o castiñeiro, o salgueiro, o ciprés e o loureiro. Non poden quedar atrás, dentro da diversidade na obra de Rosalía, os toxos e as silveiras, as ortigas e os cardos, as margaridas, o caravel e o alelí, pero tamén as árbores froiteiras como a figueira, os limoeiros ou as oliveiras, así como tamén arbustos coma os buxos, e por outra parte, verzas e repolos, viñas e cereais, que tamén teñen a súa representación.

Comentarios