Un proxecto saca á luz a faceta máis musical de Rosalía de Castro

Filgueira Valverde protagoniza a primeira entrega de Caligrafías musicais.
Estatua de Rosalía, no Paseo do Espolón, en Padrón. (Foto: Arousa)
photo_camera Estatua de Rosalía, no Paseo do Espolón, en Padrón. (Foto: Arousa)

Rosalía de Castro foi unha irrepetíbel figura literaria, pero tiña tamén unhas calidades innatas para a música. Sobre esta faceta menos coñecida da autora de Follas Novas fala Filgueira Valverde na primeira entrega de Caligrafías Musicais, o novo proxecto do Arquivo Sonoro da Galiza do Consello da Cultura Galega (CCG). 

Cada dous meses rescataranse conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego que permiten revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical da Galiza. 

Así, na primeira entrega de Caligrafías musicais o polígrafo Xosé Filgueira Valverde debulla os textos rosalianos para fixarse nos seus aspectos sonoros e musicais: sons da natureza, campás, cantos de paxaros, ritmos e acentos dos cantares populares... até chegar á Alborada popular de Rosalía de Castro

A intervención de Filgueira titulouse "Rosalía e a música", foi presentada por Afonso Vázquez-Monxardín, tivo lugar en 1992 no Ateneo de Ourense e foi organizada polo Concello de Ourense. 

Na gravación, Filgueira Valverde destaca as calidades musicais inxénitas da poeta, que favorecen a súa formación musical autodidacta, a súa voz de contralto e a súa facilidade como intérprete de instrumentos. 

Sobre o proxecto

Co Arquivo Sonoro da Galiza, o CCG busca, a través de "valiosos documentos sonoros inéditos" rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galgo e revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos –entre outros– que forman parte da cultura musical da Galiza.

Comentarios