A SGAE destitúe a Antón Reixa

A xuntanza da Xunta Directiva da Sociedade General de Autores e Editores (SGAE) sáldase coa destitución de Antón Reixa con 25 votos en contra. Pouco máis de un ano durou o produtor, músico e escritor galego á fronte da entidade que xestiona os dereitos de autor. 

Antón Reixa
photo_camera Antón Reixa

Con 25 votos en contra, apenas 12 a favor e unha abstención quedou á vista a falta de apoio de Antón Reixa na directiva que presidiu durante un ano e un mes. De pouco valeu a carta de apoio de destacados nomes do mundo da creación artística que avalaban a súa continuidade. O conflicto interno entre os distintos sectores, en especial os coñecidos como o colexio de pequeno dereito que acusan a Reixa de apoiar ás grandes produtoras, remata finalmente coa destitución de Reixa e unha SGAE aínda máis rota que cando a colleu, despois do escándalo que eliminou do posto ao seu antecesor Teddy Bautista. 

Reixa topou oposición non só nos sectores que non avalaban a súa xestión senón o seu propio equipo, o que explica o resultado da votación inesperado por abrumador. En tan só un ano á fronte da SGAE, varios son os conflitos aos que se ten enfrontado Antón Reixa, o máis sonado o debate sobre a música nos programas televisivos. 

Con pouco tempo de diferencia, a SGAE bota fora da súa directiva a Antón Reixa e a Xoán Carlos Fasero, destituído este tan só seis meses despois do seu nomeamento á fronte da coñecida como zona noroeste. Sobre os dous caíra a acusación de tráfico de influencias, ao ter recibido a produtora de Reixa case 150.000 euros en subvencións por parte da AGADIC cando estaba dirixida por Fasero, o que puxo en cuestións a política de apoios culturais da Xunta de Galicia. Fasero non tardou en responder ao seu despedimento, non só xudicialmente senón tamén con graves acusacións a Reixa desde o seu blog, desde onde defendía que era el o que tiña que estar fóra da presidencia, como finalmente será. 

Comentarios