A asociación Xermolos de Guitiriz, premio Ramón Piñeiro Facer País

A cultura por abaixo

O pasado 24 de outubro, a asociación cultural Xermolos de Guitiriz fixo 41 anos. Dous días despois, a súa homóloga Val de Láncara comunicáballe a concesión do premio Ramón Piñeiro Facer País. "É un premio compartido, colectivo", apura a aclarar Alfonso Blanco Torrado (Montevideo, 1950), fundador e cabeza visíbel da agrupación. Esa idea, a do esforzo colectivo e de base, percorre as súas explicacións sobre que é e que significa Xermolos.
 

Festival de Pardiñas (Xermolos)
photo_camera Festival de Pardiñas, organizado por Xermolos en Guitiriz.

"As asociacións culturais son como os ríos que regan este país e lle dan vida, son un tecido vital", di, "mais, por desgraza, non son aprezadas". Fronte á indolencia insitucional, "xente que dedica o seu tempo, a súa enerxía e a súa imaxinación para conservar o que é de todos fronte á desfeita". Para Blanco, o que aconteceu na última vaga de incendios é, tamén, unha demostración desa tese: "Contra esas teorías estrañas sobre o lume, veciñas e veciños que crearon un monte vivo, de maneira voluntaria e anónima, foron os que o protexeron". A cultura é máis ampla do que recollen as seccións dos xornais.

A principal actividade de Xermolos é o festival musical de Pardiñas, en agosto, que este ano celebrou a súa 38 edición. "Pardiñas expresa a nosa maneira de facer país, de facer pobo, a través da cultura", indica. Mais a asociación traballa seguido. A cabalgata de Reis ou o antroido fan parte dos seus labores. Que teñen na homenaxe e divulgación da literatura un dos seus puntos fortes. A Festa da Fala en San Alberte de Parga -"na paisaxe que cantaron Xosé María Díaz Castro ou Manuel María"- ou, en colaboración con outras sociedades de toda Galiza, a entrega da Navalla do Manuel serven a ese obxectivo.

"Traballar desde a base é máis eficiente", defende Alfonso Blanco, "estamos ao pé da xente, e sabemos das súas necesidades e das súas teimas". Así o leva facendo Xermolos desde que, no crepúsculo do franquismo, decidiu reunir a mocidade para, "coa súa paixón", "crear outro xeito de facer cultura e facer festa". "A novidade era que as mozas e os mozos se unisen", lembra, "o que agora, por desgraza, é máis difícil. A xente nova ten que emigrar e privámonos da súa forza".

O relevo xeracional, aínda que complicado, existe. E, segundo Blanco, as novas tecnoloxías axudan. "Nós espallamos a emoción de que para coñecer outras culturas cómpre coñecer a nosa. É difícil apreciar outras culturas se antes non se aprecia a da propia tribo, a do noso país", resume. Alfonso Blanco recollerá o galardón o vindeiro 11 de novembro, en Láncara. No acto intervirán, entre outras, a escritora Marica Campo, o poeta e cantante Mero Iglesias ou o actor Rubén Aramburu. "O premio", insiste, "tamén é das asociacións que nolo dan. Como dicía Martí, o que sabe honrar tamén é el mesmo hontado".

Comentarios