Máis

900 actuacións ao vivo na Arca da Noe

Despois de nove anos e máis de 900 actuacións, a Arca da Noe celebra esta fin de semana un evento para conmemorar o seu aniversario. Alén dos concertos programados, tamén se lanzará un libro-disco que conta coa colaboración de Sérgio Tannus, Irene Veiga e a realizadora Lucía Cortiñas.
A Arca da Noe aniversario
photo_camera Arriba á esquerda, Uxía e debaixo Sérgio Tannus. Arriba á dereita Ugia Pedreira e abaixo Maurício Caruso.

Desde a apertura das súas portas en 2014, a Arca da Noe recibiu centos de artistas no seu escenario. O número de concertos supera os 900, unha cifra que a converten nun espazo cultural e musical referente no país. Este sábado celebra o seu noveno aniversario cos concertos de Uxía, A Pedreira, Maurício Caruso e Sérgio Tannus. As actuacións musicais chegarán despois da presentación do libro-disco Oceanoe, travessia polo mar das Antelas. 

A Arca da Noe é o espazo cultural que impulsou Noemí Vásquez en 2014 no concello de Vilar de Santos (A Limia). Nesta vila, na que residen arredor de 800 habitantes, A Arca da Noe conta cun notábel apoio popular que se traduce en  concertos multitudinarios. Este espazo non se entendería sen a relación de proximidade que estabelece co público.

Noemí Vásquez, responsábel da Arca, destaca a importancia que ten unha boa comunicación coa xente. Para ela, o proxecto non sería posíbel sen a axuda da veciñanza, coa que colabora  estreitamente. Vásquez valora positivamente que exista unha atmosfera tan familiar. En declaracións a Nós Diario, reivindica o reencontro xeracional como unha das principais achegas do seu estabelecemento. Nalgunha das actuacións que se celebran na Arca, pódese observar como os máis novos comparten o seu tempo coas persoas maiores.

O compromiso social da Arca da Noe maniféstase en diversos eidos. A súa actividade reflicte unha orientación decidida cara á exaltación da música galega e o fortalecemento das sinerxías que existen entre a Galiza e o espazo da lusofonía. Vásquez estivo moi vencellada á Esmorga, centro social da cidade de Ourense. Estudou Filoloxía Galega e Portuguesa e sempre amosou unha particular inquedanza a respecto de cuestións como a promoción da lingua. O seu compromiso materializouse na creación de estabelecementos culturais como A Corte dos Bois.

No ano 2020, gañou o premio que entrega todos os anos a Fundaçom Meendinho, como recoñecemento do seu labor incansábel avogando pola reintegración da cultura galega na comunidade lusófona. Con esa paixón na cultura e na lingua, a alma mater de A Arca da Noe organizou eventos como o Português Perto, aquelas nossas músicas no Campus de Ourense da Universidade de Vigo ou o Festival Estou Lá, dentro dos Colóquios da Lusofonia, realizados en Ourense en 2012.

Durante a crise sanitaria da Covid-19, como moitos outros estabelecementos culturais, a Arca da Noe tivo que afrontar un dos momentos máis complicados que viviu desde a súa apertura. As restricións dificultaban notabelmente a organización dos concertos e a redución da capacidade supuxo a diminución dos ingresos.

Nese contexto desfavorábel da pandemia xurdiu a iniciativa de crear un libro-disco no que recompilar a música dalgunhas e dalgúns dos artistas máis coñecidos no local. Así naceu Oceanoe, travessia polo mar das Antelas. Trátase dun conto fantástico que vai parando por diferentes puntos da lagoa de Antela, unha superficie acuática que existiu na comarca da Limia pero que secou.

A narración segue un roteiro cunha serie de paradas onde se gravaron videoclips das músicas que aparecen no traballo final. Son 19 pezas compostas por máis de medio cento de músicos de diversas formacións. Así, neste libro-disco están algúns nomes moi ligados á Arca da Noe como Xabier Díaz, Uxía, Ugia Pedreira, a Banda da Loba, Xurxo Souto, Najla Shami, Selina da Piedade, Xosé Lois Romero, Davide Salvado... No aspecto técnico estivo implicado Sérgio Tannus. 

O conto escribiuno Irene Veiga e realización é de Lucía Cortiñas. Todos e todas forman parte dun proxecto común que reúne algunhas das figuras máis importantes da música galega. O prelanzamento do libro-CD fíxose este 25 de xullo no Festigal, en Compostela, e o lanzamento definitivo terá lugar este sábado ás 18 horas na Arca, antes dos concertos que están previstos tamén para ese día.

Noemí Vásquez está acostumada a traballar de forma autónoma. Desafortunadamente non existen demasiadas iniciativas por parte de organismos públicos que premien este tipo de iniciativas e o labor que está desempeñando. 

Así, a meirande parte dos concertos son autofinanciados, non contan con esa axuda pública. De feito, o desenvolvemento do libro-disco estivo condicionado ao financiamento a través dunha campaña de mecenado que comezou en abril de 2021 a través da plataforma Verkami. As recompensas que ofreceron ás persoas colaboradoras eran moi variadas en canto á forma e en canto a prezo.

Ademais, desde a Fundación Vicente Risco recibiron lotes de libros que converteron nunha especie de recompensa; Através Editora e AGAL (Associaçom Galega da Língua) tamén colaboraron dese modo; ou aCentral Folque.

Panorama musical

Preguntada a respecto do panorama musical galego actual, Noemí Vásquez recoñece que ela non é "nin pesimista nin optimista". Móstrase satisfeita coa visibilidade e coa proxección que está conseguindo o galego na sociedade grazas á irrupción de grupos musicais como Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Berto ou Ortiga. De feito, Tanxugueiras son vellas coñecidas de Vásquez. O trío formado por Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro subiu ao escenario da Arca da Noe no ano 2018, no marco da celebración do seu cuarto aniversario.

Para esta emprendedora do mundo cultural, a participación activa das institucións na promoción das actividades culturais resulta imprescindíbel, pois considera que sen partidas orzamentarias que destinen recursos económicos ás asociacións e aos locais que promoven unha axenda cultural dinámica non é posíbel conseguir un resultado pleno. 

A pesar de que se avanzou moito, aínda queda por facer nos vindeiros anos no país e para moitos anos máis estará a Arca da Noe facendo cultura desde a base e sendo plataforma de lanzamento de artistas da Galiza como amosou nestes nove anos de andaina.

Comentarios