Arturo Iglesias reivindica nun libro a figura esquecida de Sabela Barreto

450 anos da primeira almiranta e descubridora galega

Entre as primeiras occidentais que pisaron as Illas Salomón, en Oceanía, había galegos. Sabela Barreto, nada hai 450 anos en Pontevedra e filla do madeirense Nuño Rodríguez Barreto, entre elas. A monografía Sabela. Almiranta dos mares dos sur, de Arturo Iglesias, con ilustracións de Xosé Tomás e editada pola AS-PG, relata a súa singular historia.
 

isabel

De família acomodada, non por acaso o seu pai é considerado por moitos o verdadeiro conquistador do Perú e mantivo importantes ocupacións diplomáticas, trasladouse aínda nena ao denominado Virreinato do Perú. Aos 19 anos casou co almirante Álvaro Mendaña. Unha década despois, partiu em expedición cara ás Illas Salomón. Comandaba a frota o seu home, que as descubrira uns anos antes e onde morrería a causa da malaria. Pero antes nomearía a Sabela Barreto gobernadora e almiranta.

“É habitual ver nos medios de comunicación personaxes relevantes para a historia española, non para a galega, que aparece sempre como colaboradora da historia do Estado”

Arturo Iglesias quixo reivindicar estes “personaxes esquecidos dentro dun esquecemento xeral”. Faino a través dun relato que emprega dez puntos de vista distintos. “Trato de contar a historia non só de Sabela, senón de todas as persoas que viviron os seus días, personaxes anónimos que vivían nas illas e que foron masacrados polos europeos”, explica. Para Iglesias, “os feitos históricos están formados polas achegas de todas as persoas. E o descubrimento das Illas Salomón non é un acto realizado por unha única persoa, foi un acto colectivo”.

porto

Para documentarse sobre Sabela Barreto, Iglesias botou man de libros de viaxes, de novelas e, principalmente, do relatorio de Pablo Fernández de Quirós -piloto de navegación- arredor da travesía polos mares do sur. “O descubrimento das rexións austrais describía a viaxe que capitaneaba Sabela, mais dunha maneira indirecta e procurando non deixala en bo lugar. Foi un libro de intereses, nado co fin de presentar na Corte os seus dereitos sobre as illas descubertas”, di o autor.

“Sabela Barreto é o exemplo de alguén que nun principio non tiña condicións para facer esta aventura. Porén, tomou as rendas das súas decisións e fíxoo”

“É habitual ver nos medios de comunicación personaxes relevantes para a historia española, non para a galega, que aparece sempre como colaboradora da historia do Estado”, engade. Arturo Iglesias xa publicara en 2014 Exeria: nos límites do mundo. “É necesario reivindicar personaxes esquecidos da nosa historia, tamén para que os rapaces máis novos se acheguen a eles e poidan continuar buscando información noutros medios”, afirma. O exemplo de Sabela Barreto é, a este respecto, fundamental. “É posíbel que aínda sexa a única muller á fronte dunha frota. Outros personaxes históricos que se fixeron cargo deste tipo de expedicións teñen o seu lugar na historia. Ela non. É unha cuestión anecdótica, tratada máis pola singularidade de ser muller que polo seus logros como almiranta”, indica.

Arturo Iglesias resume o seu propósito como autor de Sabela. Almiranta dos mares do sur: “Animar a xente nova facer o que lle apeteza”. “Sabela Barreto é o exemplo de alguén que nun principio non tiña condicións para facer esta aventura. Porén, tomou as rendas das súas decisións e fíxoo”, conclúe.

O libro preséntase esta cuarta feira, 27 de dceembro, ás 20:00 en Betanzos, na libraría Biblos. Ademais, Sabela. Almiranta dos mares do sur pode adquirise na tenda da AS-PG.

Comentarios