"Rosalía no Rosalía", homenaxe da Coruña á poeta

No teatro que leva o seu nome, na Coruña, cidade que hai cen anos homenaxeaba a Manuel Murguía, Rosalía de Castro recibirá o recoñecemento popular con voces poéticas e música no 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. 

teatro Rosalía
photo_camera teatro Rosalía

Cen anos despois de que a cidade lle rendera homenaxe a Manuel Murguía no seu oitenta aniversario, Rosalia de Castro será lembrada no teatro que leva o seu nome nun concerto-recital o vindeiro domingo día 19 ás oito do serán. 

O Teatro Rosalía de Castro acollerá un encontro de música e poesía no que participan o Concello e a Fundación Rosalía de Castro e n o que se sentirán as voces de Anxo Angueira, Dores Tembrás, Elvira Varela, Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa ou Xurxo Souto. A  Banda Municipal da Coruña, Cantigas da Terra, Lydia Botana, Miguel Ladrón de Guevara, Sito Sedes ou Pedro Lamas porán música a esta homenaxe da cidade á poeta. 

“O pobo destas mesmas rúas que ela pisou, o pobo deste mar que ela cantou, o pobo que honrou a Moore como ela o honrou devólvelle hoxe a Rosalía as pisadas, o canto e maila honra. E devólvellas no seu, no teatro da arte, no espazo escénico que leva o seu nome. Rosalía no Rosalía. Afortunada, feliz, luminosa escolla” escribe Anxo Angueira na presentación do programa da homenaxe. 

Tres días antes da conmemoración, en Portas Ártabras celebrarase o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos coa presentación de dúas novas edicións da obra, a ilustrada por Pepe Barro (El Patito Editorial) e a crítica de Anxo Angueira (Xerais). Ademais de Angueira e Barro, Felipe Senén participará no acto no que tamén se lembrará o aniversario desa outra homenaxe que se quere reivindicar, á que a cidade lle tributou a Manuel Murguía ao facer oito décadas, hai agora cen anos. 

Comentarios