“Lampíricos” despídese o domingo de Compostela

O domingo será o último día no que “Lampíricos” verá a luz no espazo Zona C de Compostela. A nova proposta escénica-poética de Antón Lopo non deixa a ninguén impasíbel. 

Lampíricos (Tono Arias)
photo_camera Lampíricos (Tono Arias)

 

“Lampíricso” diríxese a públicos de pequena dimensión, en Compostela non máis de 17 persoas por día, para apreixar con máis intensidade a proposta do autor, que é ao tempo quen leva á escena todo o mundo que envolve a súa nova creación. Despois da estrea na galería “Dispara” da Estrada e o paso polo MARCO de Vigo, a citana Zona C significa un reencontro de Lopo coa cidade na que desenvolveu boa parte do seu proxecto creativo. 

Desta volta, luz, corpo, imaxe, poesía e música entran no xogo da arte total, a “dismodernidade” pola que aposta Lopo nunha creación de terror e acción.

Os textos de "Lampírico"s nacen dunha estadía en Essaouira, apegados á experiencia do sufismo marroquí. Trátase,  dunha “paisaxe de impulsos e sentimentos que atrapa o espectador-lector nunha acción implacable”. Aí está Antón Lopo, en escena, coa poesía feita corpo e expresión, nunha  proposta, en certa maneira, herdeira do anterior  Prestidixitador, das novas formas de indagar deste “poeta disconforme, dismoderno”, como el se define. 

Proposta híbrida a de Lopo, conxunción de linguaxes e xéneros, intervención a través da poesía que se expresa non só en palabras. “Estou aquí pola urxencia, eles están armados” comenta. E quen son eles? “Eles son os que teñen os fondos de futuro, os que estiveron especializando a especie na especulación, na violencia, os que disparan, os que saquean” comenta nun espectáculo no que o autor se mostra autónomo, independente e protagonista da súa propia aposta creativa. 

Comentarios