O A Fondo dá a coñecer a música clásica galega de hoxe en día

Si, existe música clásica galega, e si, existen compositoras e compositores vivos que a practican. O A Fondo desta semana (disponíbel aquí) danos a coñecer esta realidade tan talentosa como oculta. Coordina Margarita Viso, a presidenta da Asociación Galega de Compositores. 

"Algúns fan pensar que os compositores e compositoras cultos galegos estamos mortos. Pero non é certo, só nos teñen escondidos", así se pronuncia Juan Pérez Berná, compositor, músico e intérprete, no artigo introdutorio do Sermos Galiza desta semana. O da música culta galega é, probábelmente, un dos ámbitos de máis deficitaria normalización do país. Nin se coñecen as súas grandes figuras, nin se conserva o seu patrimonio, nin sobre ela se investiga, nin se estuda nas escolas. Nin sequera é interpretada e divulgada o que se escribe. A música galega clásica esmorece sobre o papel, sobre as partituras que, se non se interpretan, fican sen sentido e sen vida.

A situación complícase cando, quen compón, é muller e galega. Na Asociación Galega de Compositores, de 36 integrantes, tan só 4 son mulleres. "Vivir exclusivamente da composicion contemporánea é moi difícil, polo menos en Galicia e máis aínda sendo muller"-explica María Mendoza, pianista, compositora e docente- "A maior parte de nós compaxina a composición con outro tipo de traballo,no meu caso as clases nun conservatorio", engade.

"Os músic@s nov@s galegos -conclúe a coordenadora deste A Fondo, Margarita Viso- son unha marea silenciosa que garanten un futuro esperanzador se se lles dá a oportunidade que merecen"

Á situación laboral das e dos compositores na actualidade fai referencia Margarita Viso, no artigo que escribe para o suplemento. Se durante séculos, xa no Medievo, a composición era unha arte recoñecida e remunerada; se, con posterioridade, atraeu a importantes públicos burgueses coa ópera, hoxe en día vivir en exclusiva da composición é case quimera. A música galega culta que se fai no país fica ignorada polo público, que non a coñece, ou esquecida polas institucións

A época dourada das bandas de música

As bandas de música galega viven, na actualidade, unha época dourada. "As bandas pasaron de ser colectivos de 30 ou 40 compoñentes a converterense en verdadeiras banda sinfónicas", explica Carlos Seráns, director da Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas. As bandas son mostra da riqueza da cultura musical do país, e é raro o concello que non teña unha ou varias agrupacións musicais, algunha delas con máis de 150 anos de antigüídade. Porén, na actualidade xa non se limitan a ser a banda que toca pasodobres. Seráns descóbrenos, neste artigo, que son moito máis.

Dende a visión do intérprete escribe Florian Vlashi, violinista e director do Grupo Instrumentl Século XX, que destaca polo seu traballo de divulgación da música clásica galega. Remata o seu artigo con verbas de esperanza cara ás novas xeracións: "A nova xeracuón non está imitando aos seus maiores, pero está buscando o mesmo que eles procuraban, tal como aconsellaban os antigos poetas xaponeses". Os músic@s nov@s galegos, conclúe a coordenadora deste A Fondo, Margarita Viso, son unha marea silenciosa que garanten un futuro esperanzador se se lles dá a oportunidade que merecen. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios