MANOBRAS MILITARES EN PLENA NOITE E RUíDO DE MORTEIROS

Parga, "indignada" co exército

A veciñanza desta parroquia de Guitiriz denuncia as operacións militares na zona e a colocación de concertinas no perímetro do campo militar de Santa Cruz.

Concertinas (2)

"Queremos saber", afirma Manolo Amil, presidente da comunidade de monte en man común de Parga. Desde o mes de abril a veciñanza desta parroquia do Concello de Guitiriz vive preocupada pola presenza dun valado de concertinas no perímetro do campo militar ali situado. Porén, nas últimas semanas Parga sofre tamén as consecuencias dunha maior actividade militar. "Están usando morteiros e artillaría que fai tremer as casas", explica Amil en conversa con Sermos Galiza. As denuncias da veciñanza van, neste senso, para alén das concertinas e critican "a contaminación acústica" dos lanzamentos e os riscos que carrexan as prácticas de tiro nunha zona en que as vivendas están "a 600 metros do campo", afirma Amil.

María Xosé, veciña tamén, denuncia con "indignación" a presenza de soldados "ás dúas e ás tres da mañá" mesmo no interior da súa finca. "Levantaron a cadea que teño diante da casa e entraron no interior da finca", sinala. "Había uns homes lendo un mapa" nunha propiedade privada de 26 hectáreas. "Andan como Xan pola súa casa", critica María Xosé mentres Manolo acrecenta, "crense os amos do pobo e o responsábel do campamento o sheriff".  

A información saltou aos medios de comunicación após detectar a veciñanza a colocación de concertinas nos arredores do campamento militar. "O día menos pensado vai acontecer unha desgraza", apunta Amil. Trátase dun valado que veu substituír o "muro de terróns" que fora erguido 70 anos atrás, cando lle foi cedido ao Ministerio de Defensa unha parte do monte para a instalación do campamento. Naquela altura a doazón, entre outros, de 100 hectáreas de monte comunal, tiña por obxecto situar en Parga un espazo para acoller enxeñeiros militares. Porén, hai un tempo que o campamento vén empregándose con outra finalidade. 

María Xosé, veciña de Parga: "Vas alí e parece que estás en Ceuta"

"Queremos saber a que vén pór as concertinas agora. Por que? Para que? Están facendo algo raro? Que queren ocultar?", pregúntase Amil. "Meu tío tiña un bar no campamento", apunta María Xosé, "eran como un veciño máis", sinala en relación ao exército. "Mais agora vas alí e parece que estás en Ceuta. É moi triste". 

Desde a veciñanza e a comunidade de montes tentaron reunirse en diversas ocasións co responsábel do campamento mais sen moito resultado. "As veces que fun riuse de min", di Manolo Amil. Pola súa banda, o Exército de terra limitouse a redixir unha nota na que asegura que as concertinas serán retiradas cando se atope outro material co que as substituír mais até que iso se producir "a fauna non pode moverse, imaxina a xente que ten vacas e cans, que imos agardar a que aconteza algo?", di Amil. 

O exército desenvolve manobras militares de madrugada por toda a parroquia, mesmo no interior das fincas privadas

Aliás, acrecenta Manolo Amil, "o Ministerio mente cando di que as concertinas fechan só o campo de tiro, están por todo o perímetro", asegura. "Vémonos apartados", achega María Xosé. No entanto, para as forzas armadas o material é "regulamentario" e a súa colocación responde ao "deterioro" das anteriores medidas e máis a un obxectivo disuasorio para que a contorna ficase "plenamente" advertida da prohibición de entrar nas instalacións. "Nunca fomos, mais tampouco queremos ir", di a veciñanza. 

Accións políticas

Desde o BNG anunciaron que presentarán unha batería de iniciativas nas institucións galegas e española para exixir a retirada das concertinas e explicacións por parte do Ministerio de Defensa. "Non nos imos quedar de brazos cruzados diante deste atropelo aos veciños e veciñas das parroquias afectadas", apuntou o concelleiro da organización frontista en Guitiriz, Pereira. 

A formación nacionalista advirte que levarán este asunto ao Concello de Guitiriz, ao Parlamento galego e ao Congreso español. Pola súa banda, a veciñanza asegura que dará "un tempo prudencial" ao executivo estatal para que reaxa ás súas demandas. "Se non é así estudaremos máis medidas e non descartamos mobilizacións e mesmo acudir á vía xudicial se for preciso". 

Comentarios