"A paisaxe en Galiza está impregnada de crenzas"

Palabras secretas é un proxecto documental que visa recompilar a medicina tradicional ou máxica que atopamos en Galiza. Unha forma de "saber de onde vimos" apunta a súa autora, a xornalista Ana Lois. 

Antes de chegaren os evanxelizadores cristiáns, Galiza contaba cunha grande mitoloxía, relixións propias vencelladas ao medio e o territorio que aínda se manteñen, embora estaren cristianizadas. Diso dan boa conta as lendas, mitos, ritos, contos, romances e aventuras que toman parte no noso imaxinario colectivo e que en boa medida foron recollidos na encinclopedia de fantasía popular de Galiza. 

Esa sabedoría popular --non poucas veces de carácter medicinal ou curativo-- é o cerne, tamén, de Palabras secretas. Un proxecto audiovisual encabezado pola xornalista Ana Lois que visa recompilar e documentar esa "parte da nosa tradición" que "como pobo" nos dá "moita dignidade", apunta. 

Saber de onde vimos

O blogue, explica a súa autora, "non procura ser un reclamo publicitario para estas crenzas, nen a favor nen en contra", mais si contribuír a "coñecermos as nosas tradicións" e "saber de onde vimos". Neste senso, Ana Lois matiza que non "é unha web sobre medicina natural ou alternativa senón que se centra nos rituais aos que a nosa tradición atribúe propiedades curativas". 

Sortilexios, amuletos, ritos e beizóns que "tomaban parte das relixións precedentes" e que foron incorporadas posteriormente ao cristianismo. "Nos primeiros tempos os evanxelizadores queixábanse dos costumes que había en Galiza como facérense ofrendas ás árbores ou ás fontes, pór candeas nos camiños… o druída, o mago ou a maga da aldea aplicaban os coñecementos que tiñan sobre as medicinas e a maxia". Estas tradicións, enfatiza, "din moito de nós" e "danos como pobo moita dignidade". 

A orixe, acrecenta, "é moi remota" mais o que fica certo para Ana Lois é que "ten moito a ver co espazo natural". En Galiza, sinala, "a nosa relixión está impregnada de paisaxe e a nosa paisaxe de crenzas". Así é que moitas das historias recollidas até o de agora en diferentes puntos do país están ligadas ao medio. Así, conta, se imos "a unha romaría, como a das Ermidas na Lama, ao saír hai sete fontes onde a xente se vai lavar porque lles atribúen propiedades máxicas, curativas" o mesmo que nas pedras de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). 

Crenzas pegadas á natureza

"A relixión actual maniféstase através de figuras, de santos, de persoas", en troca, "anteriormente había unha relixión moi pegada á natureza e montes, pedras, fontes ou mesmo árbores eran consideradas sagradas". Para a xornalista, a "natureza e as crenzas na nosa tradición van moi pegadas". 

Cultos milenarios que se manteñen, principalmente, grazas ás mulleres galegas. "A muller foi e continúa a ser o eixo da familia de aí que sexan elas as principais protagonistas de Palabras secretas", sinala Ana Lois. Elas eran quen se ocupaba "da saúde da familia, dos fillos e dos vellos". Súa bisavoa, explica Lois, "recollía as herbas no verán cando comezaban a secar para ter medicinas todo o ano, esta sabedoría tamén se transmitía entre as mulleres". 

O obxectivo de Palabras secretas non é só recompilar esta sabedoría popular senón tamén difundila e dala a coñecer polo resto do país. Así xorde Terra de pastequeiros, un filme de "22 pezas documentais" centrados na parroquia de Tomeza, no Concello de Pontevedra. "É unha parroquia moi rica en tradición" na que Ana Lois e a súa equipa recolleron numerosas historias e costumes. 

Imaxe capa: presentación de Terra de Pastequeiros. Imaxes interiores: fotograma do documentario e fontes da parroquia de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz).

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios