O Ateneo ferrolán organiza un festival en apoio á mantenza da súa sede

Despois de coñeceren a intención, por parte do Concello de Ferrol, de reducir o espazo da súa sede e cambiarlle o nome, o histórico Ateneo segue a reclamar apoio social. Mañá, quinta 23, organiza un festival no Cantón de Molíns.

Ateneo ferrolán, na Rúa Madalena.
photo_camera Ateneo ferrolán, na Rúa Madalena.

O número 202 e o primeiro andar do 204 da rúa Madalena, edificios históricos do século XVIII, son desde hai case 30 anos un espazo referencial para a cultura e o pensamento na cidade departamental. O Ateneo, con máis de 130 anos de andaina, asentou alí un lugar de encontro para proxeccións, exposicións, debates e moitas outras actividades e unha biblioteca de referencia.

Perante a noticia de que o concello de Ferrol quere introducir outras dúas entidades na súa sede (a Sociedade Artística Ferrolana e a Asociación Veciñal do Centro Histórico), e cambiarlle o nome polo de "Centro Cultural Concepción Arenal", difundiron un manifesto a través de internet reivindicando a conservación da súa actividade regular neste espazo.

Agora organizan un festival para captar apoio social, con música, poesía, plástica e teatro, que terá lugar a partir das oito da tarde desta quinta no Cantón de Molíns: a poeta Eva Veiga, a actriz Helga Méndez, dinamizadora do teatro amador na cidade a través do grupo Bartoleta teatro, e o escritor Guillermo Ferrández, un habitual de eventos como a Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol, e autor dun estudo sobre a fala local e varias obras literarias. No apartado musical estarán o grupo de Zanfonas de Trasancos, a Agrupación Raparigos, o gaiteiro Tonecho Varela e @s cantor@s Manolo Bacalhau e María Manuela. 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios