O Códice, do garaxe ao Pazo

Esta quinta, a catedral de Santiago, inaugurou a exposición onde se exporá o Códice Calixtino. Segundo o deán, o roubo deu a coñecer por toda Europa a existencia desta obra medieval. A exposión pretende agora pór en valor o seu contido relixioso.

O afamado roubo do Códice Calixtino, que deu para mil e unha follas de xornal, serviu de (pre)campaña publicitaria para promover o libro entre @s numeros@s turistas que visitan cada día a capital da Galiza. Desde esta quinta até o mes de decembro, as persoas que se acheguen á catedral, poderán visitar unha mostra sobre o milagroso Codex (re)aparecido. Na súa primeira xornada exposto, a prensa puido participar da inauguración da exposición e contar coa presenza do deán para explicar ás e aos xornalistas o valioso obxecto alí presentado.

Cunha organización pouco coidada, por non saberen nin na sancristía nin o persoal civil da catedral a hora e o emprazamento da inauguración, despois de andar para arriba e para abaixo, finalmente conseguimos acceder ao salón de cerimonias do Pazo Xelmírez --que acollerá a exposición ao longo destes meses--. Unha sala ateigada de xornalistas era recibida polo máximo custodio do Codex, que con premura iniciou a explicación do que aquelas paredes acollían. Así mesmo, o crego fixo énfase na manipulación exercida por algúns medios de comunicación, ao aseguraren que o Códice fora marcado a lapis e mesmo a bolígrafo por si propio, cando el se limitara a introducir uns "pequenos marcadores de papel aséptico" para sinalar o comezo de cada capítulo. Non houbo palabras para o electricista, nin lembranzas para as responsabilidades eclesiásticas na desaparición. Porén, o punto de mira recaía sobre as medidas de seguridade que protexerán o Calixtinus durante a súa mostra. O deán evitou responder con claridade e asegurou que os medios eran "moi custosos", polo que as persoas alí presentes debiamos entender que eran bos e fiábeis.

A exposición componse de diversos paneis explicativos e unha pantalla dixital onde se poden consultar as páxinas da obra, mais unicamente editados en español, --ao igual que o material gráfico distribuído entre as visitas--, "é unha publicación única", aseveran as persoas da organización para xustificaren a ausencia da lingua galega. A obra orixinal, poderá ser visitada até o domingo, despois, será un fascímil o que acolla a urna situada no centro do salón de cerimonias.

Saímos da exposición, non sen antes repararmos na empresa concesionaria da limpeza da catedral, tan milagreira e omnipresente como o apóstolo, Eulen.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios