"A Illa Bufarda nace da necesidade de quedar e contribuír á nosa cultura"

Sabela e Adriana atopáronse de camiño a un proxecto común e decidiron porlle nome. Así naceu Illa Bufarda, produtora creativa. Un proxecto que visa pór en valor a cultura propia e @s creador@s do país mais tamén reaxir e combater as adversidades dun tempo de crise. 

nos

Após máis de 1500 mareas e dun proxecto que está de piques de cumprir dous anos, conversamos con Sabela Iglesias e Adriana Pérez. Ambas as dúas habitan a Illa Bufarda. Queren saber que é? Elas propias explícannos esta iniciativa cultural comprometida coa difusión e divulgación da cultura desde un eido ben definido: a linguaxe audiovisual.

Que é a Illa Bufarda?
Illa Bufarda é unha illa creativa que se atopa entre o Atlántico e o Cantábrico, é galega e fala en galego. Cada vez que un proxecto chega á Bufarda, a Illa medra un pouco máis, está en constante evolución. O clima é tamén oceánico, igual ao que se desenvolve na península, mais co seu particular fenómeno atmosférico: intensas mareas creativas que nos asulagan. Entre as súas actividades cotiás está a creación audiovisual, a fotografía, o deseño, a animación e a formación nestas áreas. Nunca pechamos portas, querémonos multidisciplinares en todo aquilo que teña que ver coa mensaxe audiovisual.

"Querémonos multidisciplinares en todo aquilo que teña que ver coa mensaxe audiovisual"

Como xorde a idea de iniciardes o proxecto?
A Bufarda nace hai dous anos, en plena crise, sen estarmos viciadas polas dinámicas de créditos e dependentes directamente de subvencións para sobrevivir. Xorde pola grande necesidade de traballar, de traballar para o que nos formamos durante anos. Xorde por unha necesidade de profesionalizar os nosos proxectos creativos e por unha necesidade de quedar e contribuír á nosa cultura. Neste escaso pero intenso tempo descubrimos unha nova necesidade, a de expresarnos a través dos nosos proxectos do noso xeito, coa nosa ollada de mulleres galegas con cadansúa realidade.

Entre as moitas angueiras que desenvolvedes participastes en varias actividades co Museo do Pobo...
Traballamos para o Museo do Pobo Galego rexistrando audiovisualmente os Cafés da Memoria. Dalgún xeito contribuímos a gardar as testemuñas que nos van facer ser conscientes do pasado, da nosa historia… e iso resúltanos moi interesante. As cámaras da Illa gravaron a gaiteiros o ano pasado, entre eles o recentemente falecido Juan Bello Mallou. Tamén as pioneiras, as gaiteiras galegas, e tamén os teatreiros itinerantes galegos con Barriga Verde. Cremos moi importante empregar o medio audiovisual para recoller todo isto, para divulgalo e ir enchendo un arquivo memorístico ao que sempre poder recorrerr. 

"As cámaras da Illa gravaron a gaiteiros o ano pasado, entre eles o recentemente falecido Juan Bello Mallou"

E Olladas do Museo?
Tamén fixemos as Olladas do Museo coa técnica da animación. A animación pon fin ao inerte, ao inmóbil, ao pasivo. Mobiliza e revive todo aquilo que non demostra vida pola súa falta de actividade ou de movemento. Reinterpreta a realidade e pode poñela de manifesto rompendo todas as normas estabelecidas. Olladas sobre o Museo proxectou nun percorrido reflexivo polo museo unha posta ao día dalgún dos temas que nos afectan como pobo. Dende a nosa perspectiva, reinterpretamos o espazo cunha ollada actualizada, xusta e metafórica, ampliando a temporalidade do museo e ofrecendo novas visións sobre a situación actual dende unha posición crítica e realista co eido cultural, arquitectónico, paisaxístico, económico e social de Galiza. Para este traballo botamos man da colaboración das Boubas pandeireteiras, da gaiteira Edurne, de xente anónima que nos achegou gravacións e tamén de poetas galegos/as para facer máis completas as olladas.

Unha das pezas desas Olladas sobre o Museo xira arredor da emigración, con voces de antano contando unha experiencia que ben podería ser narrada hoxe, non si?
Si, é un tema que nos preocupa e que queriamos abordar de xeito crítico. Non nos gusta que se evadan responsabilidades falando de “mobilidade exterior”. As migracións son traumáticas e era nese punto no que queriamos reflexionar. A maleta central na que converxe a animación fala do desarraigo, do ir e do vir, do volver a sentirte parte doutro lugar… Todos eses sentimentos conflúen nas maletas da instalación da Illa: hai maletas vellas, maletas modernas, mochilas... Para este proxecto contamos coas testemuñas de persoas emigradas e inmigrantes no noso país, contaron experiencias que poderían ser as de hoxe mesmo.

E que hai da Xota do Eucalipto, como xurdiu a idea de gravardes en directo e montardes a animación?

A Xota do Eucalipto pretende pór en debate os nosos recursos naturais. Unha terra tan rica en recursos como é a nosa non pára de ser atacada con proxectos de arquitectura enerxética nada respetuosos co noso medio, as minas a ceo aberto, os transxénicos, etc, etc e como non, o eucalipto, esta especie foránea que nos fornece de beneficios a curto prazo, pero que nos vai matando a terra lentamente, paradoxal, non? Para nós isto tiña que ser abordado dende a tradición porque é algo que vén de lonxe, de aí a xota. Pero era preciso facelo dende esa outra realidade que na que o punto non sempre o sacan os homes e na que as mulleres temos moito que dicir sobre a nosa terra e os nosos recursos. A técnica que empregamos chámase rotoscopia, consiste en gravar o movemento que queres animar e logo usalo como referencia á hora de animar.

Galiza ten unha importante formación en audiovisual, a titulación impártese en dúas universidades e na Coruña a especialidade de animación, mais non hai traballo…
Canto á formación tamén temos as nosas críticas. As especialidades de cada universidade non nos preparan ben para afrontar eses ámbitos da profesión sen ter que vernos obrigadas a cursar estudos de posgrao a continuación, a maioría das veces fóra porque non existen moitas ramas de especialización en Galiza. Ademais a grande maioría do profesorado non ten experiencia práctica nas áreas que imparte e cremos que é esencial. Cremos que o que falta é por un lado un cambio de paradigma de como afrontar unha nova etapa de crise, con menor dependencia, sendo conscientes dos recursos e aproveitándoos ao máximo.

"No sector falta un cambio de paradigma para afrontar unha nova etapa de crise con menor dependencia, sendo conscientes dos recursos e aproveitándoos ao máximo"

Tamén cremos que falta tomármonos a serio o traballo do/a creador/a audiovisual, ser consientes dos tempos, valorar as ideas, os procesos, orzamentar o traballo con sinceridade… non converter as profesións do audiovisual, do medio fotográfico ou do deseño, nun hobby, por “amor á arte”. Galiza exporta moitísimas/os profesionais deste sector, xente moi válida con moito que expresar e con gran estilo. Moitas/os delas/es son recoñecidas/os no exterior e, con sorte, logo aquí. Temos moitas historias que contar, recursos técnicos e profesionais, identidade, lingua e olada propia. Só falta valorarmos, recoñecermos e orientarmos os nosos recursos para contar dende o noso para nós. O primeiro proxecto que levamos a cabo na Illa foi un vídeo arredor de Isaac Díaz Pardo, deste traballo aprendimos moitas cousas, mais hai unha frase que levamos de bandeira: “as cousas que teñen raíces son as que teñen posibilidade de sosterse no futuro, as cousas que non teñen raíces non se sosteñen no futuro”

Como vedes a realidade do sector, a respeito da administración pública, mais tamén das redes de distribución e produción privada?
Somos novas no sector pero vémolo desfragmentado, non hai unión. Non é un sector combativo ou polo menos, non o parece. Cando o teatro saíu á rúa en contra das políticas de Feijoo, onde estaba a xente do audiovisual? Se non nos valoramos nós, ninguén o vai facer por nós. Tampouco existe unha estratexia como sector que nos faga camiñar conxuntamente cara á conseguir uns obxectivos. Dende a administración pública cada vez se recorta máis nas axudas á cultura, non é unha prioridade cando ten que selo. O pasado mes estivemos no Porto e coñecimos proxectos culturais da zona norte de Portugal. Creemos que hai tres aspectos dos que debería aprender a administración pública galega e española. Por unha banda, empregaron moi ben os fondos da Comunidade Europea e recuperáronse espazos (sen borrar as súas historias) para ter infraestructuras creativas para empresas e iniciativas culturais. Por outra banda, hai empresas doutros sectores que invisten en cultura, ceden espazos e patrocinan producións de creadoras/es que combinan estes fondos con fondos públicos. Porque, finalmente, percibimos que no norte de Portugal o goberno sente como estratéxica a cultura e a promoción das industrias culturais marcando unha estratexia nacional na que están moi presentes as pequenas empresas (alí o panorama sectorial tamén está moi atomizado) e as novas iniciativas empresariais. Polo tanto, creemos que é preciso que se valore a cultura como riqueza e que o primeiro responsábel é o goberno, pero que empresas doutros sectores tamén deben formar parte disto.

"Na Cidade da Cultura pedíronnos 300 euros de aluguer por dúas horas de gravación. Dixéronnos: 'La Ciudad de la Cultura no es un sitio cualquiera'"

De que xeito vos vedes beneficiadas polas “políticas de emprendemento”?
De ningunha maneira. Dende que se pretende apoiar o emprendedor/a para “salvar este país”, o único que vimos foi a subida da cota de autónomas, o IVE e o IRPF. Hai algo que está fallando… o discurso do emprendemento está xa pasado, ninguén o pode crer xa saíulles o tiro pola culata. A única política que seguimos é a de sobrevivir e aguantar como ben podemos. Temos tamén un Centro de Emprendemento na Cidade da Cultura, pero coñecemos mil maneiras de apoiar o emprendemento sen pór ao noso dispor mesas e cadeiras. Gustaríanos traer aquí unha anécdota que entronca con este suposto apoio ao emprender/a. O pasado ano fumos buscando un espazo onde gravar unhas entrevistas para un encargo urxente, o noso único requisito era termos dispoñíbel unha parede branca. Coitadas de nós, achegámonos á Cidade da Cultura. Ocorréusenos facela nunha aula pequeniña que teñen onde se fan obradoiros e xuntanzas. A nosa sopresa ao chegar alí foi saber que por dúas horas de aluguer dese espazo a cifra roldaba os 300€. Como pode ser que un lugar feito cos cartos de todas e todos manexe cifras tan desorbitadas? Ante a nosa negativa ao aluguer de espazo (posto que a gañancia sería mínima no caso de ter que pagar esa cantidade), o encargado dos espazos suxereiunos “ir a un centro social”, puesto que “La Ciudad de la Cultura no es un sitio cualquiera”. Non deixa de ser anecdótico, pero cremos que deste feito se desprenden aglutinadas todas as ideas que fumos debullando: falta de valoración da cultura, cultura clasista, pouco apoio ao emprendemento…

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios